Escoitar

A feira Vigonatura 2001 pretende fomentar a cultura ecolóxica na cidade

xoves, 10 mai 2001
imx212.jpg
O recinto feiral de Cotogrande acollerá, do 17 ó 20 de maio, a primeira edición de Vigonatura, unha feira de medioambiente e alimentación natural que ofrecerá productos e actividades divulgativas como conferencias, exposicións, obradoiros e demostracións co obxectivo de fomentar a cultura ecolóxica.

O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, en nome do alcalde de Vigo, agradeceulle ós organizadores a posta en marcha desta feira na cidade. Vigonatura plantexará un cambio de visión sobre os hábitos actuais de consumo e a maneira de afrontar o deseño de novas alternativas orientadas a propocionar unha mellor calidade de vida. Este evento tratará de obter conclusións de aplicación práctica e de colaborar na implicación entre os profesionais, o público e mailas administracións.

No auditorio do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) ofreceránselle ó público asistente conferencias sobre alimentación natural, cultivos ecolóxicos, bioconstrucción, enerxías renovables, fauna ameazada e petroglifos galegos, entre outras.

En Vigonatura impartiranse, durante as catro xornadas, talleres específicos de carácter didáctico nos que os nenos poderán aprender a facer xoguetes, xabón, papel e outros productos a partir de material de refugallo. Instalarase unha horta na que se realizarán cultivos ecolóxicos. Participarán restaurantes con comida e bebida macrobióticas, dentro do apartado de gastronomía vexetariana, que facilitarán recetas e ofrecerán unha degustación dos productos preparados.

Os concertos que se celebrarán reproducirán o son da natureza. As orixes tibetana, africana e australiana dos instrumentos imprimiralles un carácter multicultural.

Haberá tamén exposicións de productos naturais relacionados coa hixiene, cosmética, mobles, roupa, calzado e artesanía, entre outros.

Diversas organizacións non gobernamentais e colectivos ecoloxistas estarán presentes para dar a coñecer as súas campañas medioambientais.

En canto á bioconstrucción, exhibirase unha vivenda destas características arquitectónicas e ofrecerase un relatorio sobre este tema que esperta o interese en Europa.
Descargar todas as imaxes