Escoitar

Centros escolares de Vigo crean hortos ecolóxicos fertilizados con compost

martes, 15 mai 2001
imx229.jpg
Un programa de realización de hortos escolares ecolóxicos, promovido polas concellerías de Medio Ambiente e Educación, inclúese dentro dun proxecto, que comezou co curso escolar en seis centros educativos da cidade que dispoñen de comedor. Con este programa, implicouse ós rapaces na separación do material orgánico do resto do lixo, na elaboración de compost vexetal e na súa aplicación como fertilizante nas plantacións.

Membros dos centros participantes amosaron un grande interese por este programa que se encontra, neste momento, na fase da sementeira correspondente ó ciclo da primavera. Trala separación previa do material orgánico, os rapaces introducíronse na técnica da elaboración do compost seguindo as instruccións ofrecidas polos monitores de Lagares Ingeniería mediante obradoiros, charlas e guías didácticas. Puxéronse en funcionamento os composteiros cos restos orgánicos producidos nos comedores escolares triturados con restos vexetais de podas de árbores dos parques da cidade.

Este proceso de transformación de restos de comida en abono combinouse coa posta en marcha dun horto escolar no que se plantaron patacas, leitugas e pementos, entre outros productos, para que os rapaces adquirisen tamén coñecementos de agricultura e aplicasen o compost elaborado por eles propios.

Os obxectivos deste programa educativo e de motivación social son fomentar as actitudes de respecto e coidado do contorno a través do seu coñecemento, fomentar na escola a toma de conciencia verbo dos problemas ambientais relativos ó tratamento dos residuos sólidos urbanos, tanto no contorno próximo como globalmente. Preténdese tamén dar a coñecer as técnicas de aproveitamento da fracción orgánica do lixo e iniciar os escolares nos labores agrarios e prácticas de cultivo.
Descargar todas as imaxes