Escoitar

A ordenación provisional permitirá desenvolver 40.000 m2 de solo comercial na Avenida de Europa

Abel Caballero deu conta esta mañá da incorporación do ámbito de Cruceiro na ordenación provisional, o que permitirá desenvolver máis de 40.000 m2 de solo comercial na Avenida de Europa. Está previsto que a propiedade ceda ao Concello o mesmo ancho do bulevar de Coia -uns 30 m2 - para darlle continuidade ao mesmo.

martes, 2 xul 2019
O Concello está á espera de que os promotores presenten o borrador e o documento inicial estratéxico para iniciar a tramitación ambiental simplificada que permitirá materializar 40.887 m2 de uso terciario na Avenida de Europa (ámbito de Cruceiro). Tal e como avanzou o rexedor, o goberno local conta xa cos informes favorables da Xunta -urbanístico e ambiental vinculantes - que determinan que tramitación da avaliación estratéxica ambiental poida ser simplificada.

O Concello iniciou este proceso dado que existían razóns de interese xeral para solicitar a incorporación na ordenación provisional do ámbito de Cruceiro, que vai desde a confluencia entre a Avenida de Europa coa VG20 ata o cruce regulado con semáforo da Avenida de Europa con Camiño Freixeiro e a rúa San Paio. Deste xeito, proseguiu, estase a desenvolver o gran eixo de Vigo desde Avenida de Castelao, Avenida de Europa e Samil. Ademais, engadiu, o ámbito de Cruceiro prevé que a propiedade ceda ao Concello o mesmo ancho do bulevar de Coia, 30 metros desde a Avenida, para darlle continuidade ao mesmo.

O segundo argumento que esgrimiu o Concello para considerar o interese xeral é que o ámbito contempla actividade económica de uso terciario, que promove o emprego. O seu desenvolvemento suporía habilitar máis de 40.000 metros cadrados de solo de uso terciario para uso comercial. Trátase, dixo, "dun gran desenvolvemento porque responde ao modelo que queremos, con espazos comerciais na cidade que desenvolverán no seu entorno pequeno e mediano comercio".