Escoitar

Caballero define como "colosal" a Vigo Cup 2019, con preto de 4.000 participantes e dúas semanas de competicións

O alcalde de Vigo presentou hoxe a edición 2019 da Vigo Cup, o torneo internacional de fútbol base que este ano vaise disputar do 24 de xuño ao 7 de xullo, coa primeira semana para o fútbol sala (24 ao 30) e a segunda para o fútbol 7 e fútbol 11. Un total de 241 equipos pelexarán polos títulos, dende sub-6 a sub-16 ou en categoría sénior feminina.

mércores, 19 xuñ 2019
1560963291Vigocup.JPG
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por patrocinadores (New Balance, Vitrasa, Frutas Nieves e Hyupersa Vigo), dirixentes da Real Federación Galega de Fútbol (Fernando Iglesias e Delfín Alonso), do colexio de árbitros (Jorge Cendón) e presidentes dos clubs (Begoña Aldao polo Sárdoma e Daniel Costas polo Balaídos), "colaboradores imprescindibles na organización e na cooperación do evento", indicou o rexedor, este apuntou que "nos gusta a cooperación co privado e non tanto pola achega orzamentaria senón para seguir estando xuntos; gústanos que vaia o público e o privado xunto".

Caballero explicou que o campionato rondará preto dos 4.000 participantes entre as tres modalidades. "Gustaríame saber cantas competicións se fan neste país nas que participen case 4.000 deportistas", incidiu. "É unha mobilización deportiva extraordinaria e é un inmenso evento deportivo", concluíu. "Isto é colosal", dixo.

O campionato desenrolarase no complexo das Travesas (Central e Vermella) e nos pavillóns de Navia, Coia e O Berbés para o torneo de fútbol sala, e As Travesas, Navia, Samil, ETEA, O Vao e o Federativo de Coia no caso do fútbol 11 o do fútbol 7. Haberá máis campos municipais, pero "algúns están en remodelación e que veremos sobre a marcha. É o que ten remodelar todos os campos e hai que contar cos calendarios de obra", dixo o xefe do goberno municipal.
Con 45 clubs de Vigo, O Porriño, A Guarda, Redondela e Ponteareas, ademais de media ducia de equipos de Dubai -repiten por segundo ano consecutivo-, o torneo traerá unha morea de xogadores europeos, fillos de traballadores que se atopan en Dubai e xogan coa Spanish Soccer School. "Gustoulles moito, repiten e estamos encantados; agrádanos que veñan e manifestan expresamente que virán visitar as Cíes", lembrou Caballero.

Co patrocinio do Concello de Vigo, o torneo internacional conta co apoio dun importante grupo de sponsors privados (Gadis, Faro de Vigo, PSA Groupe, New Balance, Frutas Nieves, Hyupersa Vigo, Naviera Mar de Ons, Vitrasa e Coca-Cola.
As finais de fútbol sala, o día 30 en Navia; as de fútbol 11 e fútbol 7, repartidas entre Samil (sábado 6) e O Vao (domingo 7), campo tamén elixido para as finais de Trofeo New Balance de penaltis. O torneo é mixto dende sub-6 ata sub-12, mentres que en fútbol 11 sub-14 e en sub-16 as categorías xa son separadas. Haberá, en fútbol sala e fútbol 7, torneo feminino.
Descargar todas as imaxes