Escoitar

Vigo reforza o servizo de autobús urbano a Samil na noite de San Xoán

Pechado o prazo de solicitudes, o Concello recibiu solicitudes para organizar 25 fogueiras na noite máis curta do ano, a falta de completar a documentación e da inspección previa de seguridade. Abel Caballero avanzou unha mellora das conexións centro-Samil, con dous servizos especiais nocturnos e reforzo das liñas diúrnas.

mércores, 19 xuñ 2019
Vinte cinco entidades presentaron solicitude no Concello para organizar unha fogueira na noite de San Xoán, segundo informou este mércores Abel Caballero en rolda de prensa. Unha vez pechado o prazo de recepción de peticións, os interesados deben agora completar a documentación requirida e posteriormente se farán as inspeccións de seguridade.

De cara á noite do domingo, o goberno de Vigo habilitará un servizo especial de autobús urbano entre o centro de Vigo e Samil, tanto na madrugada como en horario diúrno. Desde as 19h, todas as liñas regulares co areal se reforzarán e desde Praza de América (coas liñas C3, L4C, L10 e L15A) haberá unha frecuencia media de doce minutos; desde Choróns (a C3, L4C, L15A, L15C e L23), cada dez minutos; e desde Policarpo Sanz (C3, L4C e L15C), cada quince minutos.

En horario nocturno, tanto para chegar a Samil como para volver ao centro de Vigo, os usuarios contarán co N1 no seu percorrido habitual e con dous servizos especiais dispostos polo Concello, chamados R1 e R2. Así, desde as 00:25h haberá autobuses de volta ao centro cunha frecuencia media de quince minutos, e desde as 05:00h se incorporan os servizos regulares das liñas L10, L15A, L15B e L15C, co horario habitual.

Abel Caballero valorou este reforzo "total" do autobús urbano para a celebración de San Xoan e animou a toda a cidadanía, en particular á mocidade, a empregar o transporte colectivo como medio para desprazarse ata Samil.