Caballero lembra a "paixón" que xera o fútbol na presentación da Copa Vigo, que se xogará no Federativo de Coia
A Copa Vigo de fútbol, dende 1933 en modalidade masculina e desde 2013 na feminina, decidirá os seus campións 2019 no Federativo de Coia o vindeiro domingo 23, horas antes das fogueiras de San Xoán.
Así o anunciou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na presentación das finais, que enfrontarán a Atlántida de Matamá e Valladares polo título feminino (17:00 horas) e ao UVCD Candeán e ao Racing de Castrelos polo masculino (19:30).
Para Caballero este torneo é "unha gran forma de entender o fútbol, o deporte do xenuíno, que entusiasma e xera paixón. Todos os deportes para un alcalde son exactamente iguais, pero o fútbol é o fútbol. E a Copa Vigo é un evento de tanta importancia...", sostivo.
O rexedor, que expresou a súa "satisfacción por este trofeo" e fixo votos para que "continúe", tamén explicou que Concello e Real Federación Galega de Fútbol quixeron reunir as dúas finais o mesmo día para dar máis valor ao evento. A última vez que se disputaron o mesmo día foi no estadio municipal de Balaídos en 2014.
Ademais do concelleiro de Deportes en funcións, Manel Fernández, do vicepresidente da Galega para Asuntos Económicos, Fernando Iglesias, e do presidente do colectivo arbitral vigués, Jorge Cendón, acompañaron ao alcalde adestradores, xogadores, directivos e presidentes das catro entidades deportivas implicadas.
Ambas finais son inéditas e o Candeán, que chega por segundo ano consecutivo ao choque decisivo, intentará defender o título conquistado no Vao en 2018, mentres que en categoría feminina Matamá ou Valladares relevarán ao Sárdoma, que se perde a final por vez primeira na historia do torneo.
Dos catro equipos, o conxunto con máis finais é o Racing de Castrelos, que gañou seis trofeos (1979, 1993, 1994, 1995, 2002 e 2012) e esta é a súa decimoterceira final.
"A Copa Vigo é un abolengo do fútbol e témolo que poñer en valor os propios clubs pola ilusión que vos vai a producir gañala", dixo Iglesias aos clubs. "Dende Federación e o Concello imos tentar poñer en valor esta Copa, que xa ten ela na cidade", concluíu o vicepresidente federativo.
O torneo do KO disputouse este ano entre 16 equipos de 1ª, 2ª e 3ª Autonómica en categoría masculina e 4 equipos femininos de 2ª División e 2ª Autonómica. O Concello patrocina un ano máis o trofeo máis antigo de Galicia e abona 1.000 euros ao equipo campión e 500 ao subcampión tanto en categoría masculina como na feminina.