Escoitar

O convenio da auga adíase pola modificación do texto por parte de Augas de Galicia

A Xunta de Goberno Local aprobou o convenio o pasado venres 29 de marzo pero co cambio técnico introducido unilateralmente pola Xunta de Galicia, relacionado co pagamento, a tramitación debe iniciarse de novo.

mércores, 3 abr 2019
O Concello de Vigo vén de ter coñecemento da modificación que a Xunta de Galicia realizou, de forma unilateral, no convenio co Ministerio de Transición Ecolóxica e Augas de Galicia para o estudo de alternativas que solucionen o problema de abastecemento de auga da cidade. O goberno autonómico non aprobou o convenio acordado co Concello e co Ministerio senón un texto modificado, introducindo un cambio técnico sobre o pagamento da Administración Autonómica, sen advertir do mesmo ao Concello nin ao Goberno de España, polo que agora cómpre partir de cero e iniciar novamente a tramitación do convenio.

Logo de cinco meses de traballo, o convenio debe ser redactado de novo e para iso é necesario pedir os informes da Avogacía do Estado, da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Transición Ecolóxica, do Ministerio de Administracións Territoriais e do Ministerio de Facenda, da secretaría de Estado de Presupostos e gastos.