Escoitar

O goberno local aproba o proxecto para construír un aparcamento na rúa Coutadas

O Barrio das Flores terá en breve un novo aparcamento municipal despois de que a Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobase este xoves o proxecto do aparcadoiro para a rúa Coutadas. Tamén recibiron o visto e prace as achegas para o Museo Liste e o Cine Club Lumiere.

xoves, 14 mar 2019
1552569595prensa.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa da aprobación en Xunta de Goberno Local do proxecto de obra do aparcamento da rúa Coutadas, en Teis, valorado en 76.000 euros.

"Xa fixemos inauguración do Barrio das Flores e imos a acompañar cun aparcamento preto da piscina e que dará un grande servizo á zona de Sanjurjo Badía", sinalou o rexedor. A empresa adxudicataria é Civis global e o prazo de execución foi de 2 meses, polo que está previsto que en breve estea xa operativo.

Caballero tamén lembrou que xa hai outro aparcamento na zona do mercado de Teis cunhas 150 prazas aproximadamente e afirmou que "seguiremos buscando para facilitar aparcamento en outras zonas da cidade".

Museo Liste e Cine Club Lumiere
Ademais, a Xunta de Goberno Local sacou adiante o convenio co Museo Liste por valor de 125.000 euros, polo que o custe da sala etnográfico queda cuberto a través do Concello de Vigo case ao 100%. "O Liste pasa así a ser un museo máis da rede municipal de Vigo", sinalou Caballero.

Por último, foi aprobada a subvención ao Cine Club Lumiere por valor de 10.000 euros para levar a cabo a súa actividade de proxeccións de cine en versión orixinal. "É unha actividade con moita acollida, moito éxito, e administran moi ben os recursos", apuntou o alcalde.
Descargar todas as imaxes