Escoitar

Abel Caballero responsabiliza a Pastor e Feijóo do atraso do AVE: "Agora estaría en obras"

O alcalde denunciou que, en xaneiro de 2015, a anterior titular de Fomento meteu "nun caixón" a realización do obrigado estudo hidroxeolóxico do Vigo-Ourense por Cerdedo, que vén de licitar o actual Goberno de España. "Feijóo e Pastor pararon o tren de Alta Velocidade de Vigo a Madrid directo por Ourense", asegurou. <br />

mércores, 6 feb 2019
1549460590roldaprensa2.jpg
O Boletín Oficial do Estado publicou este martes o anuncio de licitación do estudo e seguimento hidroxeolóxico do Vigo-Ourense por Cerdedo, que presenta un prazo de execución de tres anos. Este requisito é obrigado, introducido polo goberno presidido por Mariano Rajoy para todos os tramos con túneles, despois de que o paso inferior da variante de Pajares -no AVE a Asturias- alterase as correntes de auga e producira "catástrofes medioambientais", en verbas de Abel Caballero.

O alcalde denunciou que o estudo hidroxeolóxico do AVE directo entre Vigo e Ourense por Cerdedo levaba parado desde xaneiro de 2015, data na que o Ministerio de Medio Ambiente requiriu ao de Fomento a súa realización. A anterior titular, Ana Pastor, meteuno entón "nun caixón", indicou o alcalde: "Se a señora Pastor o iniciara en xaneiro de 2015, agora estariamos facendo obra, pero Feijóo e Pastor pararon o tren de Alta Velocidade de Vigo a Madrid directo por Ourense".

"En xaneiro de 2015, a señora Pastor meteu o estudo hidroxeolóxico nun caixón e nunca máis se volveu saber", ata que o actual Goberno de España vén de publicar a súa licitación no BOE. O alcalde censurou que a anterior ministra de Fomento, quen con Feijóo "atrasaron cinco anos o AVE", é ademais deputada pola provincia de Pontevedra: "A ver como o explica".

"Xa arrancou, haberá AVE de Vigo a Madrid, con todas as garantías", asegurou o alcalde, quen reclamou Alta Velocidade directa como terá o norte de Galicia. "Somos a única concentración metropolitana de medio millón de persoas que non ten AVE directo a Madrid en toda España", anotou Caballero, quen eleva a cifra aos case 700.000 habitantes incluíndo a área de Pontevedra. "E por iso non hai quen o pare", concluíu.
Descargar todas as imaxes