Escoitar

O goberno local aproba a segunda fase da humanización da rúa Coutadas

O Concello de Vigo aprobou na Xunta de Goberno Local a contratación da segunda fase das obras de humanización da rúa Coutadas. Ademais, segundo informou o alcalde, tamén recibiron o visto e prace outros dez proxectos de reforma de rúas.

venres, 25 xan 2019
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou a proposta de clasificación de ofertas no procedemento aberto para a contratación das obras de humanización da rúa Coutadas, en Teis.

Segundo informou o alcalde de Vigo en rolda de prensa, será a segunda fase de reforma de Coutadas, agora entre a rúa Santander e o paso superior sobre a AP9, e terá un importe de licitación de 407.000 euros, polo que o investimento total nesta rúa chega ata os 857.000 euros.

"Seguimos adiante no proceso de adxudicacións e humanizacións", destacou Abel Caballero antes de avanzar que a Xunta de Goberno aprobou a reforma de dez novas rúas cun importe total de 1,2 millóns.

Serán a Estrada de Vilaverde, en Zamáns (115.522 euros); rúa Paradela, en Teis (103.542 euros); Subida a Relfas, en Sárdoma (92.443 euros); Camiño da Pomba, en Valadares (153.342 euros); rúa Bagunda, en Lavadores (54.537 euros); rúa Rosal Florido, en Lavadores (61.703 euros); rúa Cantabria, en Lavadores (51.005 euros), rúa Becerreira, en Cabral (201.358 euros), Estrada José Rivas, en Coruxo (187.943 euros) e rúa Abade Juan de Bastos, en Matamá (205.067 euros).