Escoitar

O Concello arranca a próxima semana as obras dos novos pavillóns de Romil e Quirós

Anunciouno este venres o alcalde, quen explicou que ambas dotacións deportivas contan cun orzamento de case 5,3 millóns e estarán operativos "antes dun ano". Abel Caballero recordou que o goberno vigués ten en marcha a remodelación dos pavillóns baixo a bancada de Río e que, no seu mandato, se abriron os novos de Candeán, Navia e os dous da ETEA.

venres, 28 set 2018
Os traballos de construción dos novos pavillóns deportivos de Quirós e Romil comezarán a próxima semana, cun orzamento de 3,1 e 2,2 millóns de euros respectivamente, e que estarán operativos "antes dun ano".

O de Romil resolverá un problema de décadas na zona ao reconverter a estrutura abandonada actual nun pavillón de 2.600 metros cadrados que poderá ademais ser utilizado polo alumnado do colexio Doutor Fleming, afirmou Caballero.

O alcalde puxo en valor que ambos espazos se constrúen en colaboración coa Deputación de Pontevedra presidida por Carmela Silva, tenente de alcalde viguesa. O acordo contempla ademais a renovación dos dous pavillóns deportivos baixo a bancada de Río, no estadio de Balaídos, e novo céspede artificial para catorce campos de fútbol da cidade.

A modo de balance, Abel Caballero recordou que, baixo o seu mandato, o Concello remodelou os pavillóns de Monte da Mina, Sárdoma, pavillón do Carme, a pista vermella, os de Bouzas, Coia, Teis, Lavadores, Bembrive e Travesas. Ademais, o goberno de Vigo abriu dous novos espazos polideportivos na ETEA e os pavillóns de Candeán e Navia.