Escoitar

Caballero anuncia dúas semanas de Vigo Cup con récord de participación e de "exaltación do deporte de base"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a Vigo Cup 2018 (25 de xuño ata o 8 de xullo), que por segundo ano consecutivo incorpora o fútbol sala ás xa tradicionais competicións de fútbol e fútbol 7. A modalidade de sala comeza este luns 25 e rematará coas finais do domingo 1 de xullo, para a continuación, do 2 ao 8 de xullo, entrar en acción fútbol e fútbol 7.

xoves, 21 xuñ 2018
1529601705IMG_9942.JPG
"Seguramente é o único torneo que existe que fai fútbol sala, fútbol 7 e fútbol 11", explicou o rexedor, que lembrou que o ano pasado esta idea tivo un "éxito moi notable", polo que a organización decidiu "manter as dúas semanas seguidas de competición".

Co patrocinio do Concello de Vigo, o torneo internacional conta co apoio dun importante grupo de sponsors privados (Gadis, Faro de Vigo, PSA Groupe, New Balance, Frutas Nieves e Coca-Cola, ademais doutras firmas colaboradoras).

Caballero anunciou que o seu sistema de xogo "é o mesmo formato que o que se utiliza no Mundial, coa diferenza de que o fútbol de aquí é mellor que o que estamos a ver alí nalgúns casos", apuntou.

Para o xefe do goberno municipal "a Vigo Cup é unha gran exaltación do deporte de base, é extraordinario velos xogar, o seu espírito...", e avanzou que "imos ter máis de 5.000 participantes e isto é un número superlativo. Por suposto, superamos o número de anos anteriores". Por iso, Caballero preguntouse: Cantas competicións de fútbol coñecemos que teñan máis de 5.000? Non hai. Quero que cobremos conciencia da importancia da Vigo Cup, do que significa. Mobilizar a 5.000 participantes é algo extraordinario", concluíu.

Nesta edición, o torneo reunirá a equipos de Vigo e da provincia, ?pero haberá conxuntos da Coruña cidade e de Narón, "que serán moi benvidos e agrádanos que estean aquí", indicou o alcalde, ademais de clubs portugueses, de Tenerife ou de Dubai, a gran novidade este ano.

Caballero quixo incidir na enorme transcendencia do evento, con máis de 600 partidos en dúas semanas. "Despois do Mundial este é o maior espectáculo de fútbol que un pode imaxinar. Póñoo xusto debaixo do Mundial porque en televisión teñen un pouco máis de audiencia, pero só lle concedo iso: os nosos son máis entusiastas e máis extraordinarios", manifestou, para insistir en que é "probablemente o máis importante torneo de fútbol base de España".

A Vigo Cup 2018 contará con 178 equipos de fútbol e fútbol 7 de 41 clubs, ademais de 80 equipos de fútbol sala. O Concello reservou as mellores instalacións municipais. Así, o fútbol sala utilizará os complexos das Travesas (Central, Frontón e Vermella) e Navia e os polideportivos de Bembrive, O Berbés, Lavadores e Coia. As finais, o domingo 1 de xullo en Navia, Coia e a Pista Vermella, con entrega de medallas e trofeos, e clausura ese día en Navia.

No fútbol 7 e fútbol 11 competirán equipos de Vigo, Marín, Redondela, Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Ponteareas, A Guarda, Tui, Nigrán, Salceda ou Salvaterra e algún da Coruña e Narón. Os campos, As Travesas, Samil, Bouzas, A Guía, As Relfas (Sárdoma), Navia (Pahiño e anexo), A Bouza (Coia) e Cotogrande, ademais do Vao. As finais, repartidas entre Samil (sábado 7) e O Vao (domingo 8). Precisamente o domingo 8, no Vao, xogaranse as clásicas finais de Trofeo New Balance de penaltis.

O torneo é mixto dende sub-6 ata sub-12, mentres que en sub-14 e en sub-16 as categorías xa son separadas.
Descargar todas as imaxes