Escoitar

A Fundación Laxeiro recolle unha mostra coas 49 viñetas humorísticas que o pintor publicou en prensa

A Fundación Laxeiro acollerá desde hoxe xoves ata o 16 de setembro Os monos de Laxeiro, unha mostra formada por 49 viñetas humorísticas que o pintor publicou na prensa a finais dos anos 20. En palabras do concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, esta exposición "nos pon en contacto cunha parte descoñecida do artista, unha faceta que fala da súa concienciación e compromiso social".

xoves, 21 xuñ 2018
1529593581Laxeiro.jpg
O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, participou esta mañá na presentación dunha exposición na que, por primeira vez se poden ver todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa, en concreto, nos xornais El pueblo galleo e Faro de Vigo, nos anos 1928, 1929 e 1930. A exposición é un acontecemento cultural de primeira orde, xa que nunca antes se vira este interesante traballo de Laxeiro na súa totalidade, tal e como manifestou Javier Pérez Buján, director da Fundación quen engadiu que con motivo desta iniciativa, a editorial Laiovento, publica o libro homónimo, no que reproduce a totalidade das viñetas acompañadas ademais con textos asinados por Manuel Igrexas- tamén presente na rolda de prensa-, Félix Caballero e Javier Pérez Buján.

A exposición, comisariada polo profesor Manuel Igrexas, quen xa fixera investigacións sobre o humor gráfico de Laxeiro, componse de corenta e nove reproducións fotográficas, realizadas case ao tamaño orixinal das viñetas e respectando a cor de fondo tan recoñecible do papel de periódico. Cada viñeta vai enmarcada de forma individual e, tanto os textos dos diálogos, como a referencia do medio e día de publicación, van impresas, dentro de cada cadro, respectando as formas idiomáticas do orixinal e, por tanto, sen adaptar ao galego normativo de hoxe.

Debido a que os debuxos orixinais están perdidos, optouse por facer reproducións fotográficas, tomadas directamente das páxinas dos periódicos, grazas á colaboración de Faro de Vigo e do Arquivo Municipal de Vigo, que posibilitaron acceder á documentación orixinal para poder así reproducir cada viñeta do xeito máis fiel posible.

O resultado é unha colección de corenta e nove cadros, todos do mesmo tamaño, a través dos que o público se pode achegar a esas viñetas imaxinando o seu aspecto orixinal cando foron publicadas na prensa hai xa noventa anos e percorrendo a evolución, tanto formal, como nos contidos do, entón, artista debutante, José Otero Abeledo, Laxeiro.

Elección do nome
A denominación de monos ten a súa orixe no século XIX e principios do século XX, época na que se designaban con este termo as ilustracións de debuxos que acompañaban un texto e, por extensión, ás viñetas humorísticas, chegando a publicarse en Madrid, en 1904, o semanario de viñetas humorísticas e de pasatempos, con ese nome, editado polo xornal El liberal. Non está claro se a orixe do termo alude á semellanza das personaxes co animal e a certa identificación cos monicreques, ou a unha abreviatura coloquial do termo monotipo, propio do mundo da reprodución mecánica da imaxe.
Descargar todas as imaxes