Escoitar

O Concello adxudicou os voos a Valencia, Sevilla, Londres e París, que operarán dentro dun mes

Abel Caballero informou este xoves da adxudicación do contrato de promoción turística que permitirá, entre outras accións, a conexión de Vigo cos catro destinos con Air Nostrum. O contrato, con vixencia ata 2020, presenta un importe de 3.365.000 euros.

xoves, 21 xuñ 2018
O alcalde estimou que sobre mediados de xullo poderían estar voando os avións de Air Nostrum entre Vigo e Londres, París, Sevilla e Valencia, toda vez que o concurso público xa está adxudicado.

En rolda de prensa, Caballero explicou que Valencia pasará a ser conexión anual ata 2020 con dous voos semanais entre novembro e febreiro e tres frecuencias semanais entre marzo e outubro para un total de máis de 60.000 prazas. Sevilla estará conectada coa cidade ata 2020 con dúas frecuencias semanais durante cinco meses.

No tocante ás internacionais, o Concello contrata a conexión con París durante dez semanas deste mesmo verán e sete meses de cada un dos dous próximos anos, con dúas e tres frecuencias por semana. Para Londres, Air Nostrum operará a conexión este verán e o goberno de Abel Caballero traballa para conseguir un voo anual coa capital.

Ademais, a promoción turística de Vigo contratada inclúe o vinilado do fuselaxe de avións, accións de comunicación a bordo, soportes publicitarios nos asentos e nos compartimentos de equipaxe, reportaxes na revista a borda, accións de newsletters online e nas redes sociais, revelou o alcalde.

Avenida Atlántida
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local adxudicou a humanización da Avenida Atlántida, que contempla un orzamento próximo ao medio millón de euros e un prazo de execución de seis meses. O Concello, engadiu Abel Caballero, actuará nesta fase no tramo comprendido entre Casiano Martínez e o número 100 da Avenida, na marxe par. O alcalde avanzou que en próximas fases se continuará coa humanización do resto do vial.

Luis Taboada
O alcalde anunciou tamén que o próximo mes o goberno que preside comezará coa "rehumanización" de Luis Taboada, no entorno da Alameda. Caballero lamentou que a rúa, reformada polo goberno anterior á súa chegada, hai pouco máis de dez anos, precise dunha nova actuación municipal.

"Con Luis Taboada está a pasar o mesmo que sucedeu na Praza de Compostela, en García Olloqui e en Marqués de Valterra: a humanización, que se fixo cun goberno do PP, foi unha calamidade", asegurou Caballero, quen recordou os afundimentos de Marqués de Valladares a modo de exemplo.

"Dentro dun mes iniciamos a nova humanización de Luis Taboada", anunciou Caballero, quen detallou que se levantará o firme actual e será substituído polo recentemente posto en Praza de Compostela e García Olloqui, aberto ao tráfico onte mércores.