Escoitar

Vigo, sede dun concerto único en España: Aitana, Ana Guerra, Cepeda, Miriam e Roi

O Concello de Vigo pechou esta actuación exclusiva para o 10 de agosto, ás 22:30 horas, no Auditorio de Castrelos, segundo anunciou Caballero este venres. Os artistas se deron a coñecer grazas á súa participación en Operación Triunfo. Este concerto exclusivo engrandece o cartel programado polo goberno de Vigo para Castrelos, onde tamén actuarán Maná, Little Steven, Juanes, Serrat ou Raphael.

venres, 15 xuñ 2018
1529068277OT_01.JPG
O Concello vén de pechar un concerto único e exclusivo para a cidade: Aitana, Ana Guerra, Cepeda, Miriam e Roi, os exitosos artistas coñecidos pola súa participación en OT Operación Triunfo, actuarán xuntos en Vigo. Así o anunciou este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na súa comparecencia ante os medios de comunicación.

O concerto terá lugar no Auditorio de Castrelos o venres 10 de agosto, ás 22:30 horas, con entradas á venda so en puntos oficiais: Ticketea.com, Discos Elepé ou no teléfono 902044226. Os cinco intérpretes acumulan millóns de fans e os seus temas superan as fronteiras do noso país; é o caso de "Lo malo", a cargo de Aitana e Ana Guerra, un auténtico fenómeno en redes sociais, nas plataformas de música en streaming e número 1 en cinco países.

"A xente nova de Vigo o pedía e xa está, conseguimos este concerto fora da xira de OT e único para Vigo", sinalou o alcalde antes de dar paso á proxección dun vídeo no que se anuncia a actuación.

Esta cita única para a cidade olívica amplía a oferta musical que o goberno vigués programa para este verán, con nomes de prestixio internacional como Little Steven (12 de xullo), Joan Manuel Serrat (21 de xullo), Maná (23 de xullo), Dorian+Zoe (27 de xullo), Morat (31 de xullo), Raphael (2 de agosto) e Juanes (8 de agosto).
Descargar todas as imaxes