O alcalde acusa á Xunta e ao Goberno de España de ser "cómplices" coa concesionaria de Rande
Caballero insistiu esta mañá no "indignante" que resulta que os responsables de velar polos cidadáns no transporte en autoestradas -Goberno de España e Xunta de Galicia- segan sen tomar medida algunha sobre as retencións en Rande. Na súa opinión, estas administracións son "cómplices" da concesionaria por iso non tomas medidas en defensa dos usuarios e lle permiten seguir cobrando peaxes aos cidadáns que sofren a diario retencións.
O alcalde de Vigo asegurou esta mañá que nin Goberno Central nin a Xunta de Galicia tomas medidas contra a concesionaria da AP9 que segue a cobrar as peaxes cando hai atascos porque son "cómplices" da empresa. En rolda de prensa, Caballero preguntouse cales son as accións que realizaron esas administracións para resarcer aos usuarios que se quedan atrapados, "non só non lles indemnizan polo atraso senón que lles cobran a peaxe". Proseguiu pedindo explicacións sobre "cantas denuncias puxo a Xunta, cantos procesos contenciosos iniciou, cantas demandas puxo para que a concesionaria reaccione e devolva eses cartos. Cantas sancións iniciou o Goberno de España?". Caballero insistiu na necesidade de que se levanten as barreiras e sexan gratis as peaxes cando hai retencións e reclamou, unha vez máis, un plan de acción con indemnizacións, que busquen un sistema de devolución colectiva aos cidadáns.