Escoitar

O alcalde avoga por potenciar Vigo para que Galicia poida competir co aeroporto de Oporto

O Concello defenderá no comité galego de rutas que "a única forma de recuperar os viaxeiros que van de Galicia a Oporto chámase aeroporto de Vigo". Caballero argumenta que a poboación que opta por Portugal procede do sur galego, polo que "a lóxica sinala que para competir con Oporto hai que potenciar o aeroporto de Vigo, e Feijóo está a facer o contrario".

luns, 28 mai 2018
1527511300RuedaPrensaAlcalde_03.JPG
Abel Caballero confirmou a presenza do seu goberno na próxima reunión do comité galego de rutas e avanzou que alí se defenderá que "a única forma de recuperar os viaxeiros que van de Galicia a Oporto chámase aeroporto de Vigo".

Os viaxeiros que se desprazan ao Sa Carneiro son practicamente da área de Vigo na súa totalidade e polo tanto "a lóxica sinala que para competir con Oporto hai que potenciar o aeroporto de Vigo", reitera o alcalde vigués, mais "Feijóo está a facer o contrario", concedendo axudas a Santiago e Coruña e "nin un euro a Vigo".

"Que ninguén fale", engadiu Abel Caballero, "de que queren potenciar os aeroportos de Galicia para que Oporto non faga competencia; é mentira, Feijóo quere potenciar Santiago e Coruña e lle importa nada que a xente do sur de Galicia vaia a viaxar por Oporto, porque senón estaría a apoiar o aeroporto de Vigo".

O rexedor vigués esixe da Xunta de Galicia un apoio ao aeroporto de Vigo "equivalente" ao que adica o Concello máis a parte proporcional que deben "historicamente", logo de nove anos reclamando axudas sen éxito. O Concello, valorou Caballero, inviste millóns de euros na potenciación de Peinador, unha terminal que está a bater "taxas de crecemento", o que evidencia que "os viaxeiros están aquí, saen de aquí".
Descargar todas as imaxes