Escoitar

O Concello adxudica as obras do novo carril bici entre Samil e Teis

Abel Caballero explicou este xoves que as obra do carril bici comezarán en quince días e teñen un prazo de execución de 12 meses. O financiamento da actuación corre a cargo do Concello e da Deputación de Pontevedra.

xoves, 19 abr 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves a adxudicación definitiva do novo carril bici que unirá Teis e Samil. As obras comezarán nos vindeiros días e estarán finalizadas nun prazo de 12 meses.

"Estou moi satisfeito pola adxudicación das obras e quero recoñecer a implicación da Deputación de Pontevedra á hora de colaborar no financiamento da actuación", sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. A construción do carril bici, cunha lonxitude de 10 quilómetros, ten un prazo de execución de 12 meses e un importe de licitación de 5,89 millóns de euros.

O carril bici arrancará na marxe esquerda da Avenida de Europa (en sentido centro) e discorre pola Avenida de Castelao ata a Praza de América, onde cruza a Camelia e Praza da Independencia. Desde alí chega á glorieta do Bicentenario, Venezuela, Pizarro e Travesía de Vigo para finalizar na parte baixa da rúa Bos Aires.

"Divídese en cinco tramos, nalgunhas partes do percorrido inclúe a humanización da beirarrúa, como por exemplo a zona próxima á Praza da América ou Venezuela", sinalou Caballero.