Escoitar

O MARCO acollerá a exposición Xulio Verne. Os límites da imaxinación ata o 16 de setembro

O alcalde participou esta mañá na inauguración de Xulio Verne. Os límites da imaxinación, unha mostra que permanecerá aberta no MARCO ata o próximo 16 de setembro. Na súa intervención, o alcalde lembrou que esta exposición chega a Vigo cando se cumpren 150 anos desde a achegada do capitán Nemo e do Nautilus á cidade.

xoves, 19 abr 2018
1524143222Marco_01.jpg
Abel Caballero eloxiou esta mañá os "150 anos brillantes da historia verniana" que desde hoxe ocuparán o MARCO. "150 anos de literatura máxica, de imaxinación, dunha forma de entender a narrativa desde a creatividade, de ser capaz de adiantarse séculos ao propio desenvolvemento tecnolóxico do mundo", dixo, en alusión a Verne, un dos mestres da narrativa universal. Na súa opinión, Julio Verne é un dos vigueses eternos, ao igual que o son Álvaro Cunqueiro, Paco Fernández del Riego, Laxeiro, Colmeiro ou Lugrís, "estes grandes protagonistas da cultura universal camiñarán eternamente por esta cidade". Caballero estivo acompañado na inauguración por Marta Menéndez, directora de Telefónica Galicia; Laura Fernández, responsable de coleccións da Fundación Telefónica; Miguel A. Delgado, comisario da exposición; Eduardo Rolland, asesor de contidos para Vigo e Martiño Nogueira, xerente do MARCO.


Xulio Verne. Os límites da imaxinación é unha exposición de Fundación Telefónica que, tras o seu paso por Espazo Fundación Telefónica de Madrid e Arxentina, e o Centro Niemeyer de Avilés, chega ao MARCO de Vigo, onde poderá visitarse do 19 de abril ao 16 de setembro. A curiosidade e a ansia de coñecemento e de aprendizaxe de Xulio Verne (Nantes, 1828 - Amiens, 1905) chegaron a convertelo nun dos autores máis prolíficos, populares e influentes da literatura universal, cun centenar de obras publicadas. Nelas, creou un imaxinario de grande verosimilitude, grazas ao seu interese pola ciencia e á súa avidez por documentar todo o que narraba. As súas novelas recolleron o espírito do seu tempo, cartografaron o mundo coñecido e abriron as portas a espazos ata entón apenas intuídos.
A mostra, comisariada por María Santoyo e Miguel A. Delgado, pretende retratar as fronteiras, ás veces invisibles, entre ficción e realidade, que neste caso se dilúen e converxen. A partir dunha trintena das súas obras máis representativas e dos distintos ámbitos en que transcorren as súas novelas —a terra, o aire, o xeo, a auga, o espazo e o tempo— internarémonos no imaxinario de Verne da man dos seus contemporáneos. Nun percorrido polas súas obras e o seu legado, a mostra disecciona o universo literario verniano e traslada á realidade as proezas e aventuras das súas novelas a través de vinte e sete personaxes históricos, que se atreveron a levalas a cabo e que foron pioneiros nas súas disciplinas a mediados do século XIX e comezos do XX.

No caso da exposición en Vigo, tendo en conta o singular vencellamento de Xulio Verne coa cidade —en 2018 cúmprense 150 anos da entrada do Nautilus do capitán Nemo na ría de Vigo na novela Vinte mil leguas baixo dos mares, e 140 anos da primeira visita de Verne a Vigo— a exposición incluirá contidos especialmente relacionados, grazas ao asesoramento de Eduardo Rolland. Así, a sección Mobilis in mobili mostra, por primeira vez de xeito conxunto, pezas únicas vencelladas á figura do escritor francés cedidas por museos e coleccións particulares de Galicia, dende unha maqueta do navío Saint Michel III ata gravados holandeses da Batalla de Rande, e pezas orixinais de traxes de mergullador do século XIX.

Durante a súa estadía en Vigo, a exposición estará acompañada dun conxunto de actividades paralelas —percorridos guiados, charlas e mesas redondas, e unha mostra bibliográfica na Biblioteca-Centro de documentación, entre outras— ademais dun programa para escolares de todos os ciclos educativos.
1524143222Marco_01.jpg
1524143233Marco_02.jpg
1524143244Marco_03.jpg
1524143255Marco_04.jpg
1524143266Marco_05.jpg
Descargar todas as imaxes