Escoitar

"Hoxe é o día de dicirnos que estamos a desenvolver un proxecto único, excepcional, recoñecido en toda España"

Abel Caballero enxalzou que a Gala de entrega da Medalla da Cidade e dos Vigueses Distinguidos 2018 -na tarde deste martes no Teatro García Barbón- é "o acto de honra a cidadáns que o merecen pola súa dedicación á cidade" e tamén "unha forma de entender Vigo desde a unidade, desde un proxecto colectivo que compartimos todos os vigueses"

martes, 3 abr 2018
O alcalde invitou á cidadanía a achegarse ao Teatro García Barbón este martes ás 20 horas para "render homenaxe" aos distinguidos pola cidade e a recoñecer "a forma de entender Vigo desde a unidade, desde un proxecto colectivo que compartimos todos os cidadáns, que me toca a honra de encabezar desde a Alcaldía cun inmenso apoio cidadá, e que hoxe queremos rememorar".

Abel Caballero insistiu en que é "o día de honra" da cidade, dos Vigueses Distinguidos, da Medalla da Cidade e do autor do bando da Reconquista, "e é o día de dicirnos en Vigo que estamos a desenvolver un proxecto único, excepcional, que está sendo recoñecido en toda España".

Este ano, a Medalla da Cidade recae na Asociación Diálogos 90, que levan 28 anos traballando pola igualdade e visibilizando a labor das mulleres en distintos eidos, segundo expuxera o alcalde tras a súa aprobación polo Pleno.

Os Vigueses Distinguidos serán Agarimo (entidade fundada en 1997), o Club Montañeros Celtas (que cumpre 75 anos), o Centro Comercial Coia 4 (que celebra o seu 40º aniversario), a Asociación de Veciños Praza da Miñoca (con 20 anos de vida), o Coruxo FC (fundado en 1930) e Rosario Pérez Montes (traballadora social no albergue do Concello de Vigo).

O Concello outorga este ano outras dúas distincións ex aequo, aos colexios Doutor Fleming e Canicouva (que cumpren 50 anos na cidade) e a Ledicia Costas e Antonio Teijeiro (escritos galardonados co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 2015 e 2017, respectivamente).

O maxistrado da Audiencia provincial en Vigo, Julio Picatoste, foi o encargado de redactar o Bando da Reconquista de 2018.