Escoitar

Caballero: "A depuradora é unha obra excepcional coa mellor tecnoloxía no mellor lugar do mundo"

O alcalde de Vigo participou este martes na inauguración da nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do río Lagares, que xa funciona de forma provisional e que garante o saneamento da cidade e da ría de Vigo durante o próximos 50 anos. Caballero mostrouse satisfeito pola posta en marcha da infraestrutura e avanzou que o Concello tomará posesión o vindeiro mes de maio.

martes, 3 abr 2018
1522758141Depuradora_01.jpg
Abel Caballero avanzou este martes que o Concello de Vigo recibirá a nova EDAR do río Lagares o vindeiro mes de maio por parte do Ministerio de Medio Ambiente. O alcalde realizou unha visita ás novas instalacións, que xa funcionan de forma provisional, xunta á ministra Isabel García Tejerina.

"Estamos ante unha obra excepcional, a mellor depuradora coa mellor tecnoloxía no mellor lugar que hai para a mellor cidade do mundo", aseverou o alcalde de Vigo durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. O rexedor destacou que a EDAR permitirá protexer un paraxe único como a Xunqueira do Lagares e toda a ría de Vigo durante os vindeiros 50 anos.

Caballero sinalou que o propietario da depuradora é o Concello de Vigo e que a obra tivo un custe total de 154 millóns de euros, dos que 84,7 millóns proceden da Unión Europa a través do Goberno central, outros 69,4 corresponden á Xunta de Galicia co canon de saneamento en Vigo e 12,8 millóns son aporte do Concello ao ceder os terreos para a instalación.

O alcalde explicou que ata o momento a administración autonómica tan só aportou 39,4 millóns e que a cidade de Vigo, a través do canon de saneamento, xa pagou 55 millóns desde que empezou a obra. "A obra finánciase desde a cidade de Vigo e desde Europa", sinalou antes de insistir en que como alcalde está "encantado" de recibir esta obra "excepcional".
Descargar todas as imaxes