Escoitar

O alcalde pide "feitos" que acompañen o anuncio de Rajoy de prolongar a A-52 ata Vigo

Abel Caballero recorda que a autovía alternativa Vigo-Porriño é "unha demanda histórica" e avanzou que terá "o meu aplauso entusiasta" se o anuncio do presidente vén acompañado de "orzamento, proxecto e obra". Por outro lado, o rexedor lamentou que Rajoy non dixera "nin unha palabra" do AVE directo Vigo-Madrid.

martes, 3 abr 2018
O alcalde de Vigo valorou este martes o anuncio feito público onte por Mariano Rajoy de prolongar a A-52 ata Vigo, incluindo un túnel baixo o alto de Puxeiros, que operaría como autovía alternativa á A-55 no tramo entre a cidade e O Porriño.

A infraestrutura, recordou Caballero, é unha "gran demanda histórica da cidade" que xa fora anunciada anteriormente mais o alcalde considera a súa construción "irrenunciable" e "tan importante" que permanecerá "moi atento" ao seu cumprimento. "Se o anuncio vai en serio, terá todo o meu aplauso, todo, pero ten que ir en serio", explicou. "Se nós vemos que este anuncio do señor Rajoy vén acompañado de feitos, é dicir, de partidas presupuestarias, de proxecto e de obra, terá o noso saúdo entusiasta, porque é importantísimo", anotou.

Garantiu o alcalde "apoio e colaboración" ao Goberno de España para levalo adiante: "ten que ir en serio, non pode ser un anuncio electoral". "Estarei moi atento e contareilles que partida hai no orzamento que hoxe se presenta para esta obra", engadiu Caballero sobre o proxecto de Orzamento Xeral do Estado para 2018. De figurar partida, "terá o meu aplauso entusiasta, porque é unha obra importantísima".

AVE Vigo-Madrid
"Queremos feitos; a nosa desconfianza é grande", apuntou o alcalde, en referencia a que, na visita deste luns, o presidente do Goberno non pronunciou "nin unha soa palabra" sobre o AVE directo Vigo-Madrid. Caballero denunciou que a Declaración de Impacto Ambiental para un tramo de tres quilómetros leva "metida nun caixón" do Goberno de España desde hai cinco anos, e tería "coste cero" para o Goberno de España.