Escoitar

O Pleno acorda instar á Xunta á retirada do proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde

Marea e PSOE deron luz verde esta mañá a unha moción que solicita a paralización da modificación da Lei Galega de Saúde. Durante o debate do texto defendido por En Marea, o grupo propoñente aceptou unha emenda socialista que reclama o rescate do hospital Álvaro Cunqueiro.

mércores, 31 xan 2018
Marea e PSOE acordaron esta mañá instar á Xunta á retirada do Proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde a través dunha moción defendida pola concelleira Margarida López, quen aceptou unha emenda de engádega do grupo socialista. O texto aprobado avoga pola apertura dun proceso de debate e negociación participativa que permita manter e reforzar os hospitais comarcais, así como recuperar as xerencias de atención primaria, ou desenvolver e potenciar a formación con recursos públicos.

Pola súa banda e a través da emenda, os socialistas insistiron na necesidade de rescatar a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro, dotalo dun Laboratorio, así como decretar a gratuidade do aparcamento para usuarios e traballadores. Outro dos asuntos incluídos no texto foi instar á Xunta á restituír na Área Sanitaria de Vigo a poboación de referencia de varias especialidades médicas: ciruxía cardíaca, radioterapia, hemodinámica, ciruxía plástica. Esa poboación, que foi arrebatada a Vigo en beneficio de Santiago e A Coruña, nunca foi revertida a pesar de que xa se cumpriu o prazo anunciado pola Xunta.