Escoitar

O Concello respalda o Galiexpo Motor Show, "a única feira do motor a nivel nacional"

O concelleiro de Xestión Municipal, Javier Pardo, presentou este luns a decimosegunda edición deste evento, que encherá o IFEVI do 2 ao 4 de febreiro. Xunto a todo o mundo do motor, incluido o campionato de exhibición internacional de indoor drift, Galiexpo suma este ano a exposición Bike&Running e colabora coa Asociación Galega de Afectados pola ELA.<br />

luns, 29 xan 2018
1517242285Galiexpo.jpg
O edil estivo acompañado por Joaquín Portabales e Ricardo Goñi, responsables da organización, Arsenio Prieto (Ifevi) e Agustín Guimeráns, presidente de Agaela (Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica, ELA) xunto a Pilar Guimeráns.

O salón do motor volve desde este venres ao domingo co patrocinio do Concello. "Non poderiamos realizar esta edición sen a participación do Concello. Estamos moi contentos, pisando o acelerador a fondo", sostivo Portabales, que anunciou que "Vigo volverase a vestir de gala co espectáculo do motor no Ifevi".

"Colleremos todo o recinto ferial por vez primeira logo de moitos anos", apuntou o organizador. Serán 25.000 metros cadrados e os tres pavillóns ocupados pola moda, náutica deportiva, quads, coches de competición, clásicos, tuning... pois "está enfocado para todas as familias". De feito, na zona de exposición pódense atopar dende accesorios e recambios para automóbil ata superdeportivos Ferrari (entre outros), dende equipos e accesorios de car audio ata unha selección de vehículos clásicos, de competición ou 4x4. Ademais, como complemento hai un espazo infantil (que inclúe un scalextric e atraccións).

O prezo da entrada mantense ao custo destes últimos anos, 5 euros, coa novidade de que con ese billete tamén se pode acceder á exposición Bike&Running, que ocupará o pavillón 2 (6.500 m2) e estará dedicada a ciclismo e running.

A nivel deportivo, a organización preparou por segundo ano consecutivo un campionato de exhibición internacional de indoor drift (derrapes en pista) o sábado pola noite (21:30), pero tamén con outras catro sesións diurnas (sábado, ás 17:00 e 19:00; domingo 16:30 e 18:30). Terá suplemento extra de 3 euros nas exhibicións diurnas e de 5 euros na nocturna, pois a organización colabora con Agaela (Asociación Galega de Afectados pola ELA) á que doará 0,50 euros por entrada. Durante as exhibicións de derrapes do sábado (pilotos de España e Portugal) haberá tempo para ver ao Tábano FPV Team, especializado no manexo de drones de carreiras.

Tamén haberá un Trofeo Top 25 Tuning no que participarán preparadores de España, Francia e Portugal.
Descargar todas as imaxes