Escoitar

O alcalde apunta que "Vigo é o primeiro concello de España en política social"

Caballero destaca os dous millóns e medio de euros que o seu goberno dedica ás axudas antidesafiuzamentos e aos cheques sociais.

xoves, 28 dec 2017
Vigo investiu 43.202.000 euros en promoción e protección social no ano 2017 o que, en palabras do alcalde, significa que é o "primeiro concello de España en política social". O rexedor enumerou esta mañá, durante o balance do ano que remata, algunhas das axudas máis importantes neste ámbito, como as axudas antidesafiuzamento e os cheques sociais, aos que se dedicaron dous millóns e medio de euros. "Na Coruña, destináronse 100.000 euros e en Ferrol, Santiago, Lugo e Ourense, 0 euros", afirmou.

Lembrou tamén os 830.000 euros que custou o albergue municipal "construído en plena crise" e que converte a Vigo na única cidade de Galicia que ten un centro destas características. Amais apuntou o alcalde que o Concello ten convenios con case todos os colectivos sociais e financia outros programas sociais como o servizo axuda fogar, ao que destinou 4,5 millóns de euros ou a unidade de drogodependencias CEDRO con 1.600.000 euros.

Caballero referiuse á Lei de Acompañamento da Xunta que nos "obriga a pagar 350.000 euros en centros de día que pertencen á Xunta e 205.000 euros en escolas infantís desta institución". Os gastos en educación aumentaron este ano, dixo o alcalde, case un 6%, achegando o Concello case dous millóns de euros de subvención ás escolas municipais infantís e dous millóns de euros ás bolsas de inglés "mentres que outras cidades galegas non achegan nin un só euro", sinalou.

Entre outras axudas municipais no ámbito educativo, o alcalde salientou os 800.000 euros que destinados á UNED e tamén a solicitude feita á Seguridade Social para a cesión do edificio do centro de saúde de Teis para transformalo nun centro social. Ademais, destacou a cubrición de patios de colexios como o Virxe do Rocío, Carballal, Canicouva e a obra de acceso ao Colexio Ramón e Cajal (Picacho). Amais expuxo que o goberno municipal dedicou en 2017 5 millóns e medio de euros á xeración de emprego.

Axudas ao deporte
O deporte é un dos ámbitos que centrou especialmente o interese do Concello no 2017, aumentando desde o ano 2015 a actividade e o gasto neste eido "case o 100%", segundo explicou o rexedor, que afirmou que en Vigo hai 32.000 nenos practicando deporte subvencionados por Concello. Este ano, dixo, houbo unha nova partida de apoio ao Rápido de Bouzas e "levamos investidos 12 millóns de euros en Balaídos, mentres que a Xunta investiu cero euros".

Amais, sinalou a construción de novos pavillóns deportivos como Quirós, Romil, a Etea e Matamá así como o parque de skate de Navia, que está en marcha nestes momentos, e o xa finalizado de Barreiro. Tamén se crearon "máis parques infantís que nunca na cidade", como os de Barreiro, Praza da Independencia, Pedro Alvarado, Venezuela e Praza Elíptica.

Por outra banda, Caballero lembrou que xa se consignaron nos orzamentos 2,5 millóns de euros para a recuperación da Panificadora e a súa contorna. "Hoxe na xerencia de Urbanismo démoslle o visto e prace á tramitación da contratación do novo Plan Xeral, que se atrasou un ano porque a Xunta tivo paralizada a subvención que nos tiña que dar", engadiu. Ademais, indicou o alcalde, desbloqueouse o ámbito de Recaré. "En total, 23 millóns de metros cadrados desbloqueados".