Escoitar

Vigo aproba o orzamento de 2018 que ascende a 256,5 millóns de euros

"É o undécimo presuposto aprobado de forma consecutiva, en tempo e forma" destaca o alcalde. O Pleno da Corporación deu luz verde tamén ao cambio de uso escolar a deportivo dunha parcela en Romil para un novo pavillón e á modificación do inventario dos ben do Patrimonio Municipal do Solo.

mércores, 27 dec 2017
O Pleno Municipal celebrado este mércores aprobou de xeito definitivo o Orzamento do Concello para o ano 2018 co apoio do PSOE e os votos en contra de Marea de Vigo e do Partido Popular. O alcalde destacou que esta é a undécima vez consecutiva que se aproba o documento, polo que Vigo conta xa cun presuposto "en tempo e forma".

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, expuxo no debate o carácter social e inversor dun orzamento dedicado a satisfacer as necesidades cidadás e destacou a suba dun 6% das partidas de emprego, das partidas de educación (un 5,85%) ou a dedicación ao deporte que medra un 31%. Así, concluíu que os Orzamentos de 2017 avanzan na mellora constante da cidade e fano con recursos municipais propios a través dos ingresos correntes grazas, dixo, á solvencia económica das contas que permiten "garantir uns servizos públicos de calidade".

O voceiro de Marea, Rubén Pérez, criticou que os orzamentos non contemplen formas de participación para ter en conta as propostas cidadás mentres o edil popular, Miguel Fidalgo, alegou que Vigo é un dos concellos que máis sobe os impostos ano a ano e que peor xestiona o seu presuposto. Jaime Aneiros replicoulles que viven afastados da realidade e que non achegan propostas nun apoian as necesidades da cidade.

Uso deportivo dunha parcela en Romil
Na sesión ordinaria deste mércores, a Corporación Municipal deu luz verde, coa abstención do PP, á modificación do uso dotacional dunha parcela municipal situada na rúa Romil 77, ata agora escolar, que pasa a deportiva para a súa remodelación cun novo pavillón. O tenente de alcalde, David Regades, explicou que coa nova instalación polideportiva, que pasará a formar parte da rede municipal, transformarase unha estrutura abandonada nun espazo de uso cidadá que incluirá a remodelación ampla da rúa.

Modificación bens Patrimonio Municipal do Solo
Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade a modificación puntual do inventario dos bens integrantes do Patrimonio Municipal do Solo que será sometida a información pública antes da súa aprobación definitiva. A concelleira de Urbanismo, María José Caride, destacou dous cambios: a cesión ao Instituto Galego da Vivenda e o Solo de dúas parcelas en Cambeses e Chantada para a construción de vivenda protexida, cun valor de 3,3 millóns de euros e, nas altas, a compra das parcelas para a Cidade da Xustiza cun importe de 2,3 millóns de euros que, finalmente, a Xunta de Galicia non destinará a ese fin.