Escoitar

O alcalde, preocupado pola inacción da Xunta en relación á seca en Vigo

Reitera a petición ao goberno autonómico para reducir o caudal ecolóxico do encoro de Eiras e recomenda á cidadanía consumo responsable, explicando que coa adopción de medidas cidadás e a redución dos baldeos xa se aforrou un 3,3% no consumo.

xoves, 9 nov 2017
O alcalde amosou este xoves a súa "preocupación pola inactividade da Xunta de Galicia en Vigo e na zona en relación á seca", tras a petición oficial de redución do caudal ecolóxico de Eiras o pasado 19 de outubro. Segundo as estimacións municipais, con esa diminución teríanse conseguido 10 días máis de consumo dos que están garantidos nestes momentos, xa que supoñería un aforro de 397.000 m³.

Así, engadiu o rexedor, "cada día que pasa deixamos de embalsar unha parte da auga sen que produza ningún dano ao río", xa que esta mingua non provocaría danos ao tratarse dun período reducido de tempo, duns 30 ou 60 días, e si reduce o caudal de reserva.

Caballero situou nun 3,3% a baixada do consumo real estimado de auga en Vigo desde a adopción de medidas como os cortes de baldeos e a acción cidadá. Reiterou a petición de consumo responsable á cidade porque segue sendo necesario ao tempo que pediu "aforro, aforro e aforro" facendo todo o posible por non consumir máis auga da precisa. Destacou a importancia deste dato que os técnicos municipais consideran "moi significativo" xa que coincide cun momento de calor inusual e coa vaga de incendios.