Escoitar

Caballero cifra en 12,7 millóns o investimento de Concello e Deputación en Balaídos

O alcalde informou este mércores das cantidades investidas ata o momento polas distintas partes na remodelación do estadio municipal de Balaídos: 12,7 millóns a cargo de Concello e Deputación, 913.000 euros do RC Celta e "cero" da Xunta de Galicia.

mércores, 8 nov 2017
O alcalde de Vigo destacou este venres que o Concello e a Deputación levan xa investidos 12,7 millóns no estadio municipal de Balaídos, dos que 5,9 millóns corresponden a Río, outros 5,6 millóns a Tribuna e 1,2 millóns aos proxectos para as bancadas de Gol e Marcador e o estacionamento soterrado.

Xunto aos 12,7 millóns dos gobernos local e provincial, dirixidos por Abel Caballero e Carmela Silva respectivamente, o Real Club Celta leva adicados 913.000 euros, segundo expuxo o alcalde. "Estas son as proporcións, para que todo o mundo as coñeza; pero o máis sorprendente é a Xunta de Galicia", manifestou Caballero, que destina ao estadio "cero" euros.

No tocante á marcha da reforma da bancada de Río, o centro tecnolóxico AIMEN continúa analizando as pezas da estrutura tubular que soportará a cuberta. O alcalde estimou que este venres estará en disposición de avanzar a planificación da obra para Río, en particular o partido de fútbol no que o nomeado lateral estará xa cuberto.

Recordou Caballero que, antes da súa chegada á Alcaldía, ningún goberno municipal acometera actuación algunha no estadio en materia de mantemento e seguridade. "É bo recordar que o primeiro que fixemos foi garantir ao 100% a seguridade do estadio", aseverou o rexedor, que recordou como exemplo os "importantísimos" reforzos acometidos nos contrafortes de Río.

Ademais, no último partido disputado en Balaídos, contra o Athletic Club, a bancada de Río contou con todos os baños reformados e operativos, tal e como destacou Caballero, quen engadiu que, "por primeira vez na historia", a tribuna de visitantes contou con baños e non sanitarios químicos, que era "a imaxe desta cidade durante tantas décadas" para a afección rival. O alcalde tamén revelou que o equipo técnico procedente de Bilbao, equipo que conta cun novo estadio "impresionante", quedou "marabillado da bancada de Tribuna".