Escoitar

O Auditorio Municipal acolle ata final de ano 22 espectáculos para todos os públicos

O venres 29 arranca a programación do segundo semestre de VIGOCULTURA cun espectáculo de rúa a cargo do Trío Refugallo, que irá desde a Porta do Sol ata Príncipe. Será o primeiro das 22 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, circo e un espectáculo para bebés.

venres, 15 set 2017
A programación de música, teatro e danza VIGOCULTURA para os meses de outubro a decembro volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. A programación do Auditorio Municipal conta para este segundo semestre do ano cun total de 22 funcións, que abarcan diversos xéneros como o teatro, a música, a danza, o circo, e inclúe un espectáculo para bebés. Trátase dun total de 16 compañías, 10 galegas, 5 doutras partes de España e unha portuguesa.

O programa conta con sesións para público adulto, os venres de outubro e novembro ás 21 horas, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos de novembro ás 18 horas e con funcións dobres os domingos de decembro ás 12 e 18 horas.

O pistoletazo de salida, como no semestre anterior, será cun espectáculo de rúa a cargo do Trío Refugallo o venres 29 de setembro desde a Porta do Sol até o Príncipe.

Entre os pratos fortes na oferta para público adulto, atópase Yllana, que estará o xoves 5 e o venres 6 de outubro, co espectáculo que conmemora o seu 25 aniversario. Un esmendrellante repaso da traxectoria da mellor compañía de humor sen palabras, cunha selección dos mellores 25 sketches dos seus espectáculos.

A compañía portuguesa do Chapitô volve a Vigo coa súa nova proposta, premio na última edición Feira de Teatro de Huesca, despois do éxito de Edipo no Auditorio do Concello.

A compañía galega A Panadaría, co seu novo espectáculo sobre o primeiro matrimonio homosexual en Galicia, a homenaxe de Pistacatro ás xentes do circo ou as compañías referente do teatro galego Sarabela Teatro e Teatro do Atlántico, completan a oferta teatral para o público adulto. Asemade, o grupo vigués Vatapá Quinteto fará a presentación do seu primeiro disco.

Familias
Na oferta para toda a familia destacan a compañía pontevedresa Baobab Teatro, L’Estaquirot co seu "Antón Comodón" que foi premio Feten ao Mellor Espectáculo de Monicreques ou Tresperté Circo Teatro co seu espectáculo recomendado pola Rede Nacional de Teattros.

O espectáculo para bebés "Redondo" da compañía Caramuxo Teatro, estará no Auditorio o domingo 26 de novembro, con dúas funcións ás 12 e 18 horas, cun aforo limitado e recomendado a partir de 6 meses de idade.

A compañía madrileña de danza Aracaladanza realizará dous pases, ás 12 e 18 horas, así como o resto da programación familiar do mes de decembro, debido ao éxito de anos anteriores e estará completada por "Contacreques" de Eme2 e o concerto de A Gramola Gominola.

O programa neste segundo semestre ten un custe total para o Concello de Vigo de 85.000 €. Nesta programación colabora na financiación de unha das compañías a Rede Galega de Teatros e Auditorios a través da AGADIC e o INAEM a través do programa PLATEA financiando parte de 4 dos espectáculos programados. Hai 11 espectáculos programados financiados integramente polo Concello de Vigo.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como do programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos para o espectáculo de Yllana será de 10 € e para o resto de espectáculos de teatro para adultos 8 €. Os espectáculos de danza, música e circo para público adulto terán un prezo de 5 €, así como para todos os espectáculos destinados a público familiar.

Para fomentar a utilización das canles de venda anticipada e para evitar as colas no despacho de billetes antes de comezar os espectáculos cos conseguintes retrasos no comezo das funcións, o Concello asumirá o custe dos gastos de xestión na venda anticipada. Deste xeito, o espectador pagará o mesmo mercando a entrada en anticipada que o propio día no despacho de billetes do Auditorio.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do mércores 20 de setembro a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, na Central de Espectáculos, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no depacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Os abonos para a programación deste semestre se poden combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

Máis información