Escoitar

O Goberno de Vigo prevé adicar case nove millóns a pavillóns e campos de fútbol

Así o indicou este venres o alcalde, despois de anunciar a contratación da redacción do proxecto dun novo pavillón deportivo en Quirós (Sárdoma), por importe de 3 millóns de euros. O Concello reserva 8,6 millóns para novos pavillóns deportivos, melloras nos actuais e a renovación do céspede de dez campos de fútbol.<br />

venres, 15 set 2017
Segundo informou este venres Abel Caballero, o goberno local vén de aprobar o expediente de contratación de servizos para a redacción do proxecto de execución das obras do futuro pavillón polideportivo cuberto de Sárdoma, que suporá a urbanización de dúas parcelas en Quirós -entre as rúas Dona Cristina e Continos- co nomeado recinto e instalacións complementarias.

O importe deste expediente ascende a 100.000 euros e o prazo de elaboración do proxecto, a tres meses. O alcalde recordou que o pavillón presentará un custo estimado en 3 millóns de euros, cun prazo de execución dun ano e capacidade para entre 250 e 300 espectadores.

Esta nova dotación deportiva acollerá unha pista multiusos para balonmán, baloncesto, fútbol sala e volei, un ximnasio e vestiarios, ademais dunha cancha de baloncesto e prazas de estacionamento en superficie. O proxecto municipal presenta unha superficie de 2.300 metros cadrados, o pavillón disporá de pista de usos múltiples, ximnasio e vestiarios, ademais dunha cancha de baloncesto e de prazas de aparcamento na superficie.

A pista servirá para a práctica deportiva de balonmán, baloncesto, fútbol sala e voleibol, nun pavillón totalmente accesible, que estará adaptado ao uso de persoas con mobilidade reducida. O resto da parcela servirá como espazo aberto con zonas verdes e sendas de paso.

O Concello de Vigo prevé adicar un millón de euros ao novo pavillón baixo a bancada de Río, no estadio de Balaídos, outros 1,8 millóns de euros para outra dotación na rúa Romil e dous millóns de euros máis para a renovación do céspede de dez campos de fútbol.

Por outra banda, o goberno vigués adxudicou a contratación das obras de reforma da estrutura e pavimento do pavillón de Monte da Mina, en Castrelos, por importe de 259.000 euros e catro meses de prazo de execución. No tocante a melloras nos pavillóns, o Concello destina case 850.000 euros para actuacións nos recintos da ETEA, das Travesas e de Teis.

Outros acordos
Abel Caballero informou doutros dous acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local na súa última reunión, como son a concesión de 50.000 euros en subvencións a 36 entidades e asociacións de carácter social sen ánimo de lucro para a relación de actividades sociais, e a aprobación do proxecto de mellora da rede de saneamento no entorno do IES de Beade, por importe próximo aos 80.000 euros.