Escoitar

O alcalde asiste á inauguración do Salón Náutico Internacional de Vigo

As instituciones galegas aproveitaron a apertura do III Salón Náutico Internacional de Vigo para invitar o sector a revitalizar a industria e o turismo en Galicia. Nesta liña pronunciáronse o alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga. Ambos aludiron á puxanza do sector e á importancia que o salón ten para o futuro das empresas que deben a súa orige ás nosas costas.

xoves, 13 mar 2003
1047561656presentacion.jpg
Presentación do salón
Discurso do alcalde na inauguración

Nos últimos anos produciuse en Vigo un acelerado desenvolvemento en diversos eidos de actividade que contribuiu a reforzar o papel que Vigo e a súa área exercen como elementos de dinamización económica, cultural e social da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O sector comercial, o turístico ou os servicios de apoio ás empresas acadaron xa na nosa cidade entidade suficiente como para xerar por si mesmos un importante movemento económico, crear postos de traballo e constituir focos de atracción.

A pesca, a construcción naval e o comercio marítimo foron durante décadas a base da economía viguesa. Hoxe, outras actividades están a gañar protagonismo aproveitando o tecido empresarial artellado en torno a ese gran recurso que é a nosa ría. O Instituto Feiral de Vigo é unha ferramenta que se está a revelar como moi válida para promocionar todas esas actividades e contribuir a que se asenten, pero ademáis é un dos mellores instrumentos dos que dispomos para avanzar na proxección das nosas empresas e, por conseguinte, na difusión exterior da imaxe máis moderna e anovadora de Vigo.

Unha das actividades que se desenvolven ao amparo da tradición mariñeira de Vigo é o turismo náutico. Trátase dun sector emerxente, que concita cada día maior interese e que medra de forma constante aproveitando o apoio que lle ofrecen iniciativas como este Salón.

Os que coñecemos Vigo e a súa ría sabemos ben das súas magníficas condicións naturais para ofrecer abrigo a embarcacións de todo tipo e tamén para practicar deportes náuticos. Nas nosas augas desenvólvense dende hai anos probas cunha arraigada tradición como as regatas de traiñas ou as competicións de vela que organizan clubes de prestixio como o Náutico de Vigo ou o Monterreal de Baiona. Ogalla esa experiencia sirva para que, co apoio da Xunta de Galicia, consigamos converter a nosa ría en escenario da Copa América de Vela, un acontecemento que suporía para Vigo e para toda Galicia unha extraordinaria oportunidade de promoción internacional que poucas veces adoita presentarse.

Ten Vigo tamén unha ben gañada sona como sede dunha cualificada industria naval. A mestría daqueles carpinteiros de ribeira que esculpían dornas e gamelas deixou un pouso do que xurdiron modernos estaleiros onde hoxe se constrúen embarcacións de todo tipo. Delas temos neste Salón boas mostras que acreditan a capacidade tecnolóxica da industria naval viguesa.

Este certame cumpre perfectamente ese papel de dinamización e apoio a un emerxente sector económico de Galicia. Asemade estamos ante un Salón con presencia de expositores de varios países, que reune todas as novidades en embarcacións de cruceiro e de vela lixeira e máis en complementos náuticos. Un Salón que o ano apasado recibiu máis de 20 mil visitantes e que concitou os parabéns dos expositores participantes. É por iso que estamos ante un certame con futuro, que reflicte perfectamente a vocación mariñeira de Vigo e que nos sitúa como un referente internacional tamén no eido da náutica.

Dende o Concello de Vigo estamos a dar nos últimos anos pasos importantes cara á recuperación do noso litoral e á posta en valor dos recursos turísticos e ambientais da nosa ría. A náutica é un sector que pode convivir perfectamente con esas políticas de desenvolvemento sostible e contribuir a xerar máis emprego na nosa área. Este salón incide nesa liña e por iso felicitámonos de que se vaia afianzando. Nestes momentos é un dos eventos máis senlleiros dos que se celebran neste recinto feiral e probablemente, ese é o meu desexo, seguirá adquirindo puxanza nos vindeiros anos ata converterse nun dos certames de referencia europea no seu sector.

Por todo iso, quede aquí constancia da miña noraboa á organización e a todos aqueles que fan posible este magnífico evento.
Descargar todas as imaxes