Escoitar

Manifesto pola paz e contra a guerra

Esta tarde na sala de conferencias do Centro Cultural Caixanova presentarase o manifesto pola paz e en contra da guerra que elaboraron as comunidades educativas dos centros participantes no programa "Aprender a convivir".

xoves, 13 mar 2003
De momento, son 21 centros os que asinaron o manifesto co compromiso de difundilo entre as súas comunidades educativas respectivas. É de subliñar que o manifesto xa está a recibir adhesións de centros de ensino de Vigo, como do resto de Galicia, de todos os niveis educativos. Mediante este Manifesto os profesionais da educación de Vigo queren facer oir a súa voz a favor da paz e en contra da guerra.

Os centros de ensino participantes no programa "Aprender a Convivir" asinan conxuntamente o seguinte manifesto pola paz e contra a guerra de Iraq.

Manifesto pola paz e en contra da guerra

Os centros educativos que se relacionan, participantes no Programa educativo municipal Aprender a convivir do Concello de Vigo, diante da anunciada guerra de EE.UU. contra o Iraque, co apoio entre outros do goberno español, subscriben o presente Manifesto para facer chegar ás súas comunidades educativas en particular e á opinión pública en xeral a nosa firme determinación de seguir educando ás futuras xeracións nos valores dunha cultura de paz, tal como se explicita nos obxectivos do citado Programa educativo municipal e nas leis educativas, e mostrando o noso rexeitamento a esta guerra polas seguintes consideracións.

Consideramos que non se ten producido nengunha situación que se contemple na Carta das Nacións Unidas nen no dereito internacional para declarar a guerra a outro país, nen se ten probado que Iraque sexa unha ameaza para a seguridade internacional nen que teña nenguha conexión co terrorismo internacional. En todo caso condenamos o terrorismo en todas as súas formas.

Consideramos que estar en contra desta guerra non significa apoiar ao dictador Sadam Husein. Este réxime como a maioría dos que existen na zona vulneran brutalmente as liberdades fundamentais e os dereitos humanos, polo que as NN.UU. deberían deseñar unha política global para a rexión baseada na seguridade mutua, na eliminación de todas as armas de destrucción masiva e no respeito aos dereitos humanos.

Proclamamos o principio universal de que nenguha nación pode atacar unilateralmente a outra, máxime cando non supón nengunha ameza para a súa seguridade, polo que rexeitamos frontalmente a estratexia da guerra preventiva.

Proclamamos que o Consello de seguridade das Nacións Unidas debe exercer as estratexias necesarias para buscar os obxectivos para o que foi creado, a resolución pacífica das controversias entre as nacións, e non para ser utilizado como pantalla para encubrir unha guerra inxusta, cínica, hipócrita e inmoral.

Rexeitamos o bloqueo a Iraque polas graves consecuencias para a súa poboación. Como ten informado a UNICEF diariamente morren en Iraque 5.000 nenos/as por falta de medicinas, desnutrición e falta de coidados médicos, e as NN.UU calculan nun millón de persoas mortas desde a imposición do embargo. Unha nova guerra a Iraque agudizaría o sufrimento das persoas máis desfavorecidas.

A guerra debe ser tamén evitada porque contradice os principios básicos da resolución nonviolenta dos conflictos, da democracia e da moral.

Como educadoras e educadores comprometidos co benestar das futuras xeracións estamos convencidos de que outro mundo é posible. Educar para a paz e na esperanza dun mundo máis xusto, democrático e pacífico forma parte da nosa máis xenuina tarefa profisional. Como fixeron outros sectores profisionais, queremos dar exemplo a favor da paz e en contra das guerras, polo que cuestinamos a utilización da ciencia para fins militares e o crecente aumento en gastos militares e na investigación militar.

Solicitamos ao goberno español e ás Nación Unidas que aproben un programa de desarme para todas as nacións que teñen armas de destrucción masiva, polo perigo que representan para a seguridade mundial, tal como se está a sinalar nestes días.

A historia ensinanos que a maior parte das guerras son decididas por unha minoría que buscan a súa ganancia -neste caso o petróleo, o control xeoestratéxico da zona e determinadas razóns de política interna norteamericana-, pero son sufridas pola maioría da poboación. Por elo a maioría da poboación que estamos en contra da guerra debemos seguir resistindo a propaganda militarista e seguir presionando as nosas autoridades para obligalas a parar esta guerra e todas as guerras. ¡Guerra nunca máis!

Máis información