Escoitar

Concello e Zona Franca asinarán un convenio para rexenerar a zona de Teis-Guixar

As dúas institucións impulsarán a remodelación do barrio aproveitando que son as propietarias do 22% da superficie.

mércores, 12 mar 2003
Concello de Vigo e Consorcio da Zona Franca asinarán proximamente un convenio para realizar o desenvolvemento urbanístico da área urbana central de Teis, en Guixar, para a súa recuperación, remodelación e revitalización. Este convenio é froito do acordo ao que chegaron as duas institucións para realizar accións conxuntas para o desenvolvemento de Vigo no marco do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O convenio, que terá que ser ratificado polo pleno da corporación, establecerá os criterios que se empregarán na ordenación do sector delimitado polas ruas Sanjurjo Badía, Julian Estévez, Avda. de Guixar, Enrique Lorenzo e Purificación Saavedra, unha superficie aproximada de 16 hectáreas. O Concello xa é o propietario nese ámbito de varias parcelas, en torno aos 6.000 m2. Zona Franca está tramitando a adquisición doutras cunha superficie aproximada de 32.900 m2. Entre as dúas institucións reunirán aproximadamente o 22% dos terreos, o que lle permitirá ao Concello aplicar un sistema de intervención público que facilite unha coidada actuación urbanística.

O principal obxectivo que persegue o goberno municipal con esta iniciativa é o de crear un parque público de alo menos 30.000 m2 e equipamentos para o barrio, concentrando os espacios residenciais e comerciais. Asemade preténdese dotar a zona de aparcamentos e mellorar os accesos a Teis co obxectivo de liberar de tráfico a rúa Sanjurjo Badía e poder afrontar a súa humanización.

O procedemento de xestión que se utilizará para desenvolver este proxecto será o de cooperación ou expropiación, segundo establezan de mutuo acordo as partes asinantes con anterioridade á aprobación definitiva do PXOM. Será o novo Plan Xeral o que ordene pormenorizadamente o ámbito.