Escoitar

A participación democrática na escola, tema das xornadas "Aprender a convivir"

O encontro organizado pola Concellería de Educación prosegue con charlas sobre medios de resolución de conflictos, aprendizaxe emocional e experiencias de mediación en centros de secundaria.

mércores, 12 mar 2003
A xefa de estudios do CEIP Julián Besteiro, Victoria Martínez, de Getafe (Madrid) e a profesora Raquel Moreno deron a coñecer a súa experiencia de participación democrática na escola.

As especialistas entenden que os valores democráticos son a base na que se apoia a convivencia na sociedade e que, polo tanto, deben preservarlos e potencialos ao máximo. "É lóxico pensar que estes valores se deben ensinar no sistema educativo", explicaron. "O problema é que non é nada eficaz ensinar estes valores dun xeito expositivo ou pasivo, senón que a súa aprendizaxe require a creación de situacións nas que os alumnos poidan experimentar por si propios e vivenciar estes valores", afirmaron.

Para fomentar o diálogo e a toma de decisións colectivas, presentaron a experiencia das asembleas de clase. É unha actividade de aula na que os alumnos e o profesor analizan e debaten sobre todo tipo de temas relacionados coa convivencia e o traballo escolar. Nela todos poden expresar libremente as súas ideas e opinións (cunha única condición: sen ofender a dignidade de ninguén).

As decisións tomaranse de modo democrático. O mellor é buscar o consenso (que todos estean de acordo coa medida proposta), pero se este non se dá recórrese á votación sobre as opcións existentes. A única "arma" da que dispoñen os alumnos e o profesor para que os demais acepten as súas ideas e a súa capacidade de argumentar.

É fundamental cumplir e facer cumplir os acordos que se deriven dela, senón a asemblea perderá a súa forza e os alumnos non a tomarán en serio.

Para a preparación dunha asemblea de clase é necesaria a motivación e a preparación sempre que xurda un conflicto grave na aula. Créase unha comisión para elaborar unha orde do día, con presidente, secretario e moderador. A disposición das mesas, a intervención do profesor para fomentar o debate e a busca de solucións dos problemas ata chegar a acordos sobre aspectos concretos son outras das regras de xogo. Finalmente, débese facer un seguimento para que se cumplan os acordos.