Escoitar

A comisión de xustiza propón formar máis policías para os casos de violencia de xénero

Aprobou un informe que recolle propostas de actuación contra a violencia doméstica como a ampliación do cadro de persoal do Servicio de Atención Familiar da Policía.

martes, 11 mar 2003
A comisión municipal de xustiza acordou remitirlle ao Pleno, para a súa aprobación, un documento que recolle propostas de actuación contra a violencia de xénero. Contempla a creación dun rexistro xudicial de denuncias, a posta en funcionamento dun xulgado exclusivo para os malos tratos e o incremento de axentes adscritos ao Servicio de Atención Familiar da Policía nacional.

Consideran os membros da comisión que a reforma parcial da Lei de Enxuizamento Criminal, que entrará en vigor o 29 de abril, na que se prevén xuízos rápidos tanto de faltas como de delictos en conductas de violencia doméstica, supón unha oportunidade única para erradicar de xeito real e efectivo esta lacra social.

Acordouse instar ao xuíz decano de Vigo a que, de acordo coa reforma da Lei de Enxuizamento Criminal e en coordinación coa Subdelegación do Goberno, ao cumprimento estricto da "Guía práctica de actuacións contra a violencia doméstica" por parte dos xulgados e da Policía xudicial.

Outros dos puntos aprobados foi instar ao xuíz decano de Vigo e procuradores a adoptar medidas precisas na Policía xudicial para que sexan efectivos os denominados xuízos rápidos. Solicítaselle tamén ao Colexio de Avogados que estableza na garda da quenda de oficio un servicio de asistencia inminente para casos de faltas por violencia doméstica. Ínstase tamén ao xuíz decano e xulgado de familia a colaborar activamente cos Puntos de encontro.

A comisión decidiu felicitar o Servicio de Asistencia Familiar polo labor desenvolvido e solicitará máis dotación de persoal especializado nos casos de violencia de xénero. Instarase tamén a cumprir as ordes de afastamento e a crear un protocolo de actuación na primeira denuncia da víctima, consistente nun modelo de denuncia específico para casos de violencia doméstica na Policía, Fiscalía e Xulgado de garda.

Na xuntanza estiveron presentes o presidente da comisión, Jacinto Lareo, os representantes dos grupos municipais e dos colexios de avogados e procuradores e da asociación "Xustiza e Sociedade".

Máis información