Escoitar

O goberno local conxela os prezos das escolas infantís e da axuda no fogar para 2018

O alcalde informou este xoves da aprobación da proposta das ordenanzas fiscais para o próximo ano que contempla a baixada do 10% no imposto de rodaxe das motos e mantén as bonificacións para familias numerosas e parados.

xoves, 27 xul 2017
A Xunta de Goberno Local deu luz verde na sesión de hoxe ás ordenanzas fiscais do ano 2018 que supoñen unha "baixada da carga impositiva do Concello", en palabras do alcalde que explicou que "unha parte dos impostos se conxelan en termos reais e outra diminúe o 2,2%".

En concreto, sinalou que "baixa de forma notable", un 10%, o imposto de rodaxe dos vehículos de dúas rodas que se mantén nesta dinámica desde o inicio deste mandato, de maneira que se reduce nun 10% cada ano e anunciou que "volverá baixar esta porcentaxe en 2018. É a nosa cooperación para potenciar o uso das motos en Vigo", onde as de menos de 125cc xa están exentas do pago de impostos.

O rexedor destacou a conxelación dos prezos das escolas infantís e do servizo de axuda no fogar "dous servizos que prestamos á cidadanía que o precisa". Así, os usuarios pagarán o mesmo que o ano pasado "pero tendo en conta que a inflación foi do 2,2% terán unha diminución real desa porcentaxe". Ademais, o goberno municipal manterá en 2018 as bonificacións para as familias numerosas e os parados de longa duración incrementando o mínimo exento de pago nun 2,2% para o abono do IBI, o lixo, a expedición de documentos, o zoo e os prezos públicos de instalacións deportivas.

Segundo apuntou Caballero, o resto de taxas municipais, mantéñense en termos reais conforme ao IPC e "tendo en conta que o crecemento da economía se prevé dun 3% estamos facendo un orzamento que ten moi en conta a situación dos cidadáns". Así, adiantou que o goberno municipal está avanzando no presuposto municipal para o próximo exercicio que será "moi conveniente para a cidadanía".