Escoitar

A Corporación insta a Facenda a habilitar partidas para devolver o imposto de Plusvalías

A moción do grupo socialista saíu adiante coa unanimidade da Corporación que tamén aprobou, coa abstención de Marea de Vigo, a moción popular que demanda a suspensión do cobro do imposto nos casos nos que se acredite perda na venda.

mércores, 26 xul 2017
A moción de urxencia presentada polo grupo socialista, defendida polo concelleiro de Facenda, insta ao Ministerio a habilitar partidas presupostarias nos Orzamentos Xerais do Estado para poder facer efectivas as devolucións que procedan nas liquidacións do Imposto de Plusvalías municipais cando gravaran capacidades económicas inexistentes. Amais demanda do Ministerio e do Goberno do Estado que deseñe o mecanismos legais para que os Concellos poidan dispoñer dos recursos económicos necesarios para afrontar as devolucións destas liquidacións sen que isto supoña unha merma dos recursos propios das Facendas locais.

Jaime Aneiros explicou que a cidadanía está recibindo información e asistencia sobre esta cuestión e que as recadacións deste imposto están paralizadas no Concello desde febreiro de 2016, de maneira que os contribuíntes que demostran que non tiveron ganancias, non pagan ningunha cota.

A voceira dos populares, Elena Muñoz, criticou que os socialistas presentaran esta moción urxente para "contraprogramar ao PP" e cualificou de "mentira" que se paralizara a recadación, expoñendo que cada día hai "vinte vigueses perdendo o seu dereito de devolución". Rubén Pérez, de Marea de Vigo, amosouse preocupado porque esta cuestión queira ser abordada polo Estado de forma anexa á reforma do financiamento local e considerou que o Goberno español debe avanzar na súa "responsabilidade" nesta materia.

O Pleno do Concello aprobou tamén, coa abstención de Marea e o apoio dos socialistas, a moción do Partido Popular instando ao goberno municipal a suspender o cobro da plusvalía nos casos nos que se acredite unha venda á perda. Elena Muñoz defendeu o texto salientando son 6.000 vigueses cada ano os afectados polo cobro do imposto de plusvalías aos que o seu partido recomenda que soliciten a devolución para que non prescriba o dereito a facelo. Rubén Pérez de Marea expuxo que debe ser o Ministerio quen se pronuncie ao respecto, ao ter "unha responsabilidade evidente" nesta normativa.

O concelleiro de Facenda rexeitou a cifra de afectados achegada por Elena Muñoz que só pretende "xerar alarmismo e inseguridade xurídica" e reiterou que os contribuíntes son asesorados polo persoal municipal, non tendo que aboar ningunha cota cando acreditan perdas.

O alcalde engadiu que o acordo plenario será enviado "hoxe mesmo ao Ministerio de Facenda e a todos os Concellos de España" para que poidan sumarse á petición de Vigo.