Escoitar

O alcalde anima a todo Vigo a achegarse á Festa do Albariño de Cambados

O rexedor animou esta mañá a toda a cidade a visitar Cambados durante a primeira semana de agosto para participar na 65 edición da Festa do Albariño. Acompañado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva e da alcaldesa desta localidade, Fátima Abal, eloxiou a calidade dunha festa que reúne edición tras edición a uns 300.000 amantes do viño.

luns, 24 xul 2017
1500913351albarino.JPG
Abel Caballero e Carmela Silva actuaron esta mañá como anfitrións da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, quen esta mañá presentou en Vigo a Festa do Albariño de Cambados. O alcalde eloxiou a exepcionalidade deste viño, que alcanzou unha gran calidade nos últimos anos, acompañado da mellor das gastronomías. Desde a Praza da Princesa, Caballero invitou a todo Vigo a achegarse a gozar dunha festa de interese turístico nacional que cada edición congrega a uns 300.000 apaixonados do viño.

A primeira semana de agosto, esta localidade pontevedresa acollerá a 65 edición da Festa do Albariño, que reúne a viticultores, bodegueiros, enólogos, sumillers, amantes do bo viño e ducias de confrarías gastronómicas de Portugal, Italia, Francia e resto de España. A celebración, nacida en 1953 froito da competitividade entre familias viticultoras cambadesas, abriu o camiño ao nacemento da denominación de orixe Rías Baixas que en só 28 anos logrou ser a primeira denominación de orixe de Galicia, cunha facturación anual superior aos 10 millóns de euros, exportando máis do 25% dos seus viños.
Descargar todas as imaxes