Escoitar

"As contas do Reino de España estamos a salvalas as Corporacións Locais"

O alcalde e presidente da FEMP participa este luns na Comisión Nacional de Administración Local, onde porá en valor ante Cristóbal Montoro que, no 2016, os concellos obtiveron superávit, rebaixaron a débeda, respectaron o teito de gasto e achegaron recursos para cumprir cos requisitos europeos, algo que non poden dicir as Comunidades Autónomas, Seguridade Social nin o Goberno de España.

luns, 26 xuñ 2017
Abel Caballero participa na tarde deste luns en Madrid na Comisión Nacional de Administración Local, onde exporá ante o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, a "lentitude" do Ministerio que dirixe no recoñecemento das entidades locais como as mellor xestionadas.

Así, o alcalde e presidente da FEMP recordou que as corporacións locais obtiveron o ano pasado 7.000 millóns de euros de superávit, rebaixaron a débeda unha décima sobre o obxectivo asignado (que á súa vez era o obxectivo para 2023), respectaron o teito de gasto e achegaron recursos económicos para cumprir cos requisitos impostos a España desde Europa. Nin as Comunidades Autónomas nin a Seguridade Social nin o Goberno de España acadaron este balance, anotou.

Ante Europa, "as contas do Reino de España estamos a salvalas as Corporacións Locais", asegurou Abel Caballero, quen denuncia que o Goberno de España responde ao cumprimento de concellos e deputacións "impedindo" que as administracións locais poidan adicar os seus recursos ao que consideren. O tamén presidente da FEMP conclúe que "o Goberno de España premia aos incumpridores e castiga aos cumpridores".

Na cita da CNAL, Caballero tamén reclamará ao Ministerio que "acelere" a reforma do imposto de plusvalía, toda vez que foi en parte anulado polos tribunais. A FEMP propuxo unha fórmula para adaptalo e Facenda aínda non tomou decisións ao respecto. Sobre esta mesma cuestión, o alcalde solicitará a Montoro que proporcione os recursos que as entidades locais deixarán de ingresar pola caída deste imposto, xa que a responsabilidade da inconstitucionalidade deste recae sobre o Parlamento de España.

Por último, Abel Caballero urxirá ao Ministerio de Facenda a constituír o grupo de traballo sobre teito de gasto. Recordou o alcalde vigués que Cristóbal Montoro o comprometera para o primeiro semestre do ano.