Escoitar

O Concello organiza o 14 de xuño o concerto da Coral Casablanca para reivindicar o AVE por Cerdedo

A Porta do Sol será testemuña o próximo mércores 14 de xuño do concerto co que a cidade vai reclamar a conexión por alta velocidade a través da variante de Cerdedo. Así o anunciou esta mañá o alcalde quen cualificou de "tomadura de pelo" a proposta da Xunta e do Goberno Central de que os vigueses vaian a Madrid a través de Santiago.

luns, 29 mai 2017
O rexedor invitou hoxe luns a toda a cidade a acudir o próximo mércores 14 de xuño, ás 20,30 h, ao concerto reivindicativo que a Coral Casablanca ofrecerá na Porta do Sol. Esta iniciativa é a primeira das mobilizacións que o goberno local desenvolverá para reclamar a alta velocidade a través da variante de Cerdedo, para que a Xunta e o Goberno de España saiban que "non nos van tomar máis o pelo obrigándonos a ir a Madrid a través de Santiago". Nesta liña, Caballero criticou o "entusiasmo" da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ao asegurar que a conexión de Vigo en alta velocidade sería a través de Santiago o que implica, segundo Caballero, que o traxecto en alta velocidade -Vigo-Santiago-Ourense levará o mesmo tempo que agora supón ir directamente desde Vigo ata Ourense en tren convencional. "O suposto avance de Vigo en alta velocidade é unha tomadura de pelo".

Caballero comparou esta situación co intento, fracasado, do presidente da Xunta, de crear o aeroporto único de Santiago e agora "propón unha estación de AVE única". Reclamou a tramitación inmediata da declaración de impacto ambiental, que leva 5 anos de atraso, concluíu.