Escoitar

O goberno de Vigo abre ata o 19 de xuño as solicitudes de axuda de comedor escolar

A convocatoria municipal para optar ás bolsas de comedor escolar está xa aberta, informou Caballero. O Concello adica 1,8 millóns ao efecto, ampliables para que "ningún neno con necesidade económica quede sen a súa axuda de comedor". Ademais, o goberno local avanza na resolución do chamado cheque social para gastos de vivenda, enerxía e alimentación.

luns, 22 mai 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns que as familias teñen ata o 19 de xuño para solicitar unha bolsa municipal de comedor escolar para o próximo curso 2017-2018. Caballero recordou que o Concello concede sobre 5.000 axudas de comedor cada ano cun orzamento reservado de 1,8 millóns de euros.

"Mentres eu sexa alcalde", manifestou o alcalde, "ningún neno nin nena en Vigo que teña necesidade económica se quedará sen a súa bolsa de comedor". Caballero garantiu que o importe reservado para as bolsas pode ser incrementado en función da demanda: "se esta cantidade de 1,8 millons resultase ser insuficiente, a ampliariamos o que sexa preciso para que ningún neno nin ningunha nena se quede sen a súa bolsa de comedor", concluíu.

Por outra banda, Abel Caballero engadiu que o goberno vigués traballa actualmente na tramitación da convocatoria deste ano do Plan de Axudas Extraordinarias a Familias. O Concello avanza na avaliación das 2.700 solicitudes presentadas.

O Plan de Axudas Extraordinarias a Familias concede apoio económico á cidadanía que o precisa para os seus pagos de vivenda -aluguer e hipoteca-, enerxía -gas e electricidade- e alimentos -a través dunha tarxeta tipo bancaria-. O Concello de Vigo reserva ao efecto 2,6 millóns de euros nas contas de 2017.

O rexedor vigués puxo en valor esta iniciativa municipal, que sirve para "evitar desafiuzamentos, pava evitar a pobreza enerxética" na cidade, e tamén garantiu que "incrementaremos todo o que sexa preciso" a partida económica para atender a demanda.