Escoitar

O alcalde esixe á Xunta que cumpra o compromiso de custear un bus directo ao aeroporto

"Non sabemos nada" da Xunta "desde o 5 de setembro", data na que o goberno de Vigo remitiu observacións "insignificantes" ao borrador de convenio, sobre o que "hai acordo", explicou Caballero. O Concello reclama á Xunta de Galicia que subvencione un bus express ao aeroporto como fai en Santiago, con 340.000 euros.

venres, 19 mai 2017
Abel Caballero retomou este venres a demanda de que a Xunta de Galicia cumpra o seu "compromiso" e custee un autobús directo entre Vigo e o seu aeroporto, da mesma forma que o fai en Santiago de Compostela, onde adica 340.000 euros.

"Oito meses pasaron e non sabemos nada da Xunta de Galicia", denunciou Abel Caballero. O goberno de Vigo agarda pola Xunta desde o 5 de setembro, cando remitiu observacións "insignificantes" ao borrador de convenio existente, sobre o que "hai acordo". Desde entón, "seguimos esperando pola Xunta de Galicia", asegurou.

Caballero recordou que o goberno presidido por Núñez Feijóo adica 340.000 euros a sufragar un autobús directo entre Santiago e Lavacolla. "Nos parece ben", valorou o rexedor, quen requeriu "que faga o mesmo en Vigo", tal e como foi acordado e era o seu compromiso.

"Non entendemos cal é a diferencia entre Santiago e Vigo. Non sabemos por que subvenciona o autobús de Santiago ao seu aeroporto, cuestión que nos parece ben, pero non sabemos por que non subvenciona un autobús de Vigo ao seu aeroporto", explicou o alcalde. Caballero denunciou esta "agresión" de Núñez Feijóo á cidade e pediu explicacións ao presidente da Xunta de Galicia ao respecto.