Escoitar

O Concello conmemora o Día Internacional dos Museos con programación especial entre o 18 e o 21 de maio

O alcalde animou á cidade a achegarse aos espazos culturais da cidade para gozar da programación organizada con motivo do Día Internacional dos Museos. Entre o 18 e o 21 de maio haberá visitas guiadas e concertos en todos os centros municipais, con horario máis amplo do habitual.

xoves, 18 mai 2017
Con motivo do Día Internacional dos Museos, o Concello de Vigo ten preparado un programa a través de cinco historias ambientadas nos cinco espazos museísticos que conforman a Rede Municipal de Museos. Desde 1977 o ICOM (Consello Internacional de Museos) elixe cada ano un tema para o Día Internacional dos Museos, o día 18 de maio, cuxo obxectivo é compartir as preocupacións da comunidade museística coa sociedade. Este ano o evento xira arredor do tema "Museos e historias controvertidas: Dicir o indicible nos museos", que ten como obxectivo narrar historias dolorosas e traumáticas, a miúdo descoñecidas ou mal coñecidas, pero que teñen un eco universal e nos concirnen e incumben a cada un de nós.

Así, na Pinacoteca Municipal Francisco Fernández del Riego se introducirá a guerra de independencia sufrida entre España e Portugal entre 1648 e 1668, un conflito bélico de case 30 anos que arraxou todo o territorio fronteirizo de ambos países. Na Casa Galega da Cultura, aproveitarase un suceso, o incendio do antigo Concello, para introducir os cambios que experimentará a vila na 2ª metade do século XIX para conformar a actual cidade industrial que coñecemos hoxe.

No Verbum, a exposición "Emporium. Mil anos de comercio en Vigo", sírvenos de marco para introducir a formación do Imperio Romano e conquista da Penísula Ibérica no século I a.C, dentro da súa política de expansión militar para o control do mediterráneo e das súas rutas comerciais. A Casa das Artes, un edifico proxectado durante a II República e executado coa Ditadura, nos dará pé para introducir o tema da Guerra Civil Española na cidade e as súas consecuencias.

E por último, no Museo Municipal "Quiñones de León", falaremos de dúas doazóns cruzadas no tempo e que conformaron o actual museo, para narrar unha historia na que se mesturan mortes, emigración, negociacións, desaparicións...

Os cinco centros da Rede de Museos Municipais terán un horario especial de apertura o xoves 18 de maio, de 17,00 a 22,00 h, nas que o público poderá coñecer as "historias controvertidas" elixidas para cada un deles a través de paneis informativos, que estarán dispoñibles ata o domingo 21 de maio. Así mesmo, cada centro contará cunha visita guiada para público en sala (30 minutos de duración), seguida dun concerto musical (20 minutos de duración), onde poderán afondar en cada un destes temas.

Tamén se suman a esta celebración o Museo Liste-Etnográfico de Vigo e mailo MARCO con actividades especiais como obradoiros para nenos e adultos, concertos, sesións poéticas, exhibicións ou visitas guiadas.

Máis información