Escoitar

O Concello licita á redacción dos proxectos de humanización da Provincial e da Estrada do Porto

O Diario Oficial de Galicia do pasado venres recolle a aprobación polo goberno de Vigo dos contratos de redacción de ambas humanizacións, que suman 6,5 millóns de euros e se financian "en gran medida" desde a Deputación de Pontevedra, segundo recordou Abel Caballero este luns. A presentación de ofertas, ata o 5 de xuño.

luns, 22 mai 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou hoxe luns que o 5 de xuño pecha o prazo para optar á redacción dos proxectos de humanización na Estrada do Porto -na zona de Beade- e na Provincial -rúa Emilia Pardo Bazán-, melloras que impulsan o Concello e a Deputación por importe de 6,5 millóns de euros. O DOG do pasado venres publica os acordos do goberno local para a contratación da redacción dos proxectos.

Caballero subliñou que, xunto co Concello, a Deputación de Pontevedra, presidida pola tamén tenente de alcalde viguesa, Carmela Silva, sufragan os 6,5 millóns de euros que custará a remodelación integral de ambos viais.

Concello e Deputación asinaron sendos convenios de colaboración para proceder á humanización de ambos viais de titularidade provincial. Os acordos establecen que o Concello de Vigo se encarga da redacción dos proxectos, da licitación das obras e paga unha parte das obras, mentres que a Deputación de Pontevedra abonará "en gran medida" os 3 millóns orzamentados para a humanización da Provincial e os 3,5 millóns da Estrada do Porto, que se atopa "en pésimo estado", ademais de ceder logo a titularidade dos viais ao Concello.

A remodelación destes dous viais provinciais foi unha "gran demanda" da cidadanía viguesa durante anos, e agora serán humanizados pola Deputación de Pontevedra presidida por Carmela Silva, institución que foi definida por Caballero como unha "gran aliada para a transformación que estamos a facer na cidade de Vigo".