Escoitar

Abel Caballero avoga pola xustiza como un servizo público "próximo á cidadanía"

O rexedor e presidente da FEMP participou en Oviedo nunhas xornadas sobre a administración de xustiza nas que defendeu a permanencia de Vigo "sempre como partido xudicial" e a presenza destas unidades territoriais de xustiza e das audiencias provinciais.

xoves, 30 mar 2017
1490879551oviedo.jpg
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP participou este xoves en Oviedo nas XII Xornadas que o Consello Xeral da Avogacía Española organiza xunto coa Comisión de Relacións coa Administración do Estado (CRAJ). Na mesa organizada para abordar a organización territorial da xustiza, Caballero avogou por unha administración que, como servizo público, debe estar "próxima á cidadanía", polo que calquera intento de concentralo nun municipio capital de provincia, ignorando ao resto, está "abocada ao fracaso".

Con todo, Caballero defendeu os partidos xudiciais e a estrutura da xustiza asentada nos municipios, aínda que suxeita a unha revisión derivada da propia evolución da sociedade e da economía, que muda as características e importancia do territorios. Isto, apuntou, debe ser tido en conta á hora de afrontar a reforma dalgúns partidos xudiciais "sempre mantendo o número e a súa presenza próxima á cidadanía".

No tocante ás audiencias provinciais, considera o presidente da FEMP, que deben permanecer no ámbito da provincia, ben na capital ou nun municipio cuxa dimensión, poboación, actividade económica ou número de asuntos xudiciais "así o aconsellen", apuntando que nalgunha comunidade autónoma o tribunal superior está repartido en varias cidades.

Así, citou o caso de Vigo que triplica a poboación da capital de provincia, cuadriplica os asuntos xudiciais, representa unha parte importante do PIB da provincia e de Galicia e por tanto, dixo, "debe permanecer sempre como un partido xudicial". Considera que calquera intento de eliminalo, sería "vulnerar os dereitos de case a metade dos habitantes da provincia. Sería un factor que "atrasaría" a actividade económica e, polo tanto, unha "decisión insoportable".

Na súa alocución, o rexedor vigués sinalou que unha eventual reforma da xustiza debe manter "necesariamente" o partido xudicial de Vigo e, ao mesmo tempo, ter seccións da audiencia na cidade, tal e como acontece nestes momentos. "Manter os partidos xudiciais e, polo tanto, próximos á cidadanía, é o máis importante", sentenciou.
Descargar todas as imaxes