Escoitar

O Pleno insta á Xunta a impulsar o Campus do Mar cedendo os edificios á Universidade

A moción socialista, defendida pola concelleira de Urbanismo, foi aprobada coa abstención do PP e de Marea de Vigo. María José Caride considera unha "chapuza" que a Xunta de Galicia, titular dos edificios e coa obriga de facelo, se negue a cedelos á Universidade e inste a Zona Franca a comprarllos para despois cederllos esta á institución académica.

mércores, 29 mar 2017
A Corporación viguesa aprobou na sesión plenaria deste mércores a moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia a impulsar o campus do Mar de Vigo, dotalo de contido e financiamento e a ceder, de xeito inmediato, os inmobles necesarios á Universidade. Ademais, pídese a Zona Franca que contribúa ao desenvolvemento do Campus cunha contía de 5,5 millóns de euros, tal e como se consigna nos orzamentos para 2017, unha vez realizada a cesión da Xunta á Universidade de Vigo. A moción saíu adiante cos votos favorables do PSOE e a abstención de Marea de Vigo e PP.

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, sinalou que o grupo socialista reitera a petición do Pleno á Xunta de Galicia logo de que esta non actuara ao respecto. Caride aludiu ao convenio asinado no ano 2009 polo goberno autonómico, a Zona Franca e o Concello que recollía que o goberno autonómico mercaríalle os terreos ao Consorcio a cambio de non manter o proxecto residencial na ETEA, senón o Campus do Mar. Con ese fin, a Xunta pagaría os terreos para instalacións científicas universitarias sendo a Xunta a titular dos mesmos.

Na súa exposición, apuntou que no ano 2012 a Xunta de Galicia aproba o Plan sectorial de ordenación territorial do Campus do Mar, sendo o órgano promotor do mesmo e, polo tanto, quen debe dispoñer os terreos para o proxecto de investigación da Universidade de Vigo. Ese texto recolle que a Xunta debe expropiar todo o que non sexa da súa titularidade e cederllo ao Concello, rematando o prazo para facelo en decembro de 2017. Caride lembroulle a Elena Muñoz, que aprobara ese convenio cando era Conselleira de Facenda en 2012.

Para a responsable de Urbanismo é unha "chapuza integral" que a Xunta, como titular dos edificios e tendo a obriga de facelo, se negue a cedelos á Universidade e inste a outra administración, a Zona Franca, a comprarllos para despois cederllos esta á institución académica. Reiterou tamén que o Concello ten toda a vocación de colaborar co Campus do Mar pero pagando "cada un o seu".

A voceira dos populares, Elena Muñoz, criticou o convenio "leonino" asinado no ano 2009 polas tres administracións e tamén ao Concello por non telo cumprido "ao non facer nada, boicoteando o acordo". Pola súa banda, o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, manifestou que o seu grupo considera que a Xunta de Galicia minte cando afirma que non pode ceder o uso dos edificios á Universidade, "outra cousa é que faga unha permuta".