O Concello ultima unha ordenanza de administración electrónica

O goberno de Vigo abriu un trámite de consulta pública para que cidadanía, organizacións e asociacións propoñan melloras ao texto. Caballero explicou que a normativa procura ofrecer "total seguridade xurídica" nas relacións entre a administración viguesa e os cidadáns.

luns, 6 mar 2017
O alcalde anunciou este luns a apertura dunha consulta pública de vinte días hábiles á ordenanza de administración electrónica que ultima o Concello de Vigo. O obxectivo da consulta é que as entidades, cidadanía e organizacións poidan presentar melloras, segundo explicou Caballero.

O goberno de Vigo, expuxo, decidiu elaborar unha ordenanza que desenvolva e concrete as recentes leis de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e de Réxime Xurídico do Sector Público, que debuxan un novo escenario normativo xeral no tocante á administración electrónica. Coa normativa municipal, o Concello quere ofrecer "total seguridade xurídica" nas relacións entre as administracións e os vigueses e viguesas.

Unha vez se peche este periodo de consulta pública, a nova ordenanza irá ao Pleno da Corporación para a súa aprobación inicial, seguida da correspondente exposición pública para, unha vez resoltas as eventuais alegacións, volver ao Pleno a ser sometida á aprobación definitiva.

Abel Caballero indicou que o Concello "vai moi por diante da maior parte das administracións locais de España" no relativo á administración electrónica e engadiu que Vigo colabora con outras entidades municipais cedendo de forma gratuita o seu programa.