Escoitar

O goberno de Vigo traslada a ADIF a súa "cooperación" para desenvolver a estación de Urzáiz

O alcalde anunciou este xoves a súa participación, xunto á concelleira de Urbanismo, na reunión do próximo luns, 6 de marzo, na sede de ADIF en Madrid para dar "o visto bo definitivo desde o ámbito técnico" á estación de Urzáiz. Caballero garantiu "toda a nosa cooperación" para levala adiante.

xoves, 2 mar 2017
Despois de recibir onte a "moi boa nova" do compromiso de ADIF de adxudicar a estación Vialia de Thom Mayne, hoxe xoves Abel Caballero anunciou a súa presencia nunha reunión en Madrid para avanzar na integración e desenvolvemento da gran estación de Urzáiz.

Segundo explicou esta mañá, o alcalde acudirá xunto á concelleira de Urbanismo, María José Caride, a unha reunión que tratará da estación do AVE, do centro Vialia deseñeado por Thom Mayne, da integración nesta da terminal de autobuses e dos accesos, "polo tanto, para o visto bo definitivo desde o ámbito técnico".

Nesta cuestión, o alcalde de Vigo garantiu ao administrador ferroviario "toda a nosa cooperación, toda a nosa vocación de cooperar no que sea preciso, ao 100% das nosas posibilidades".