Escoitar

O Concello aproba a humanización da rúa García Lorca por 1.460.000 euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén a explotación dos quioscos en once areais vigueses, que funcionarán entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, e o mantemento da calefacción e auga quente nos colexios públicos cun importe de 130.000 euros. O alcalde engadiu que o Concello destina case 4 millóns de euros ao mantemento ordinario destes centros. <br />

venres, 24 feb 2017
Abel Caballero informou este venres da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do proxecto de obras de humanización da rúa García Lorca na zona da Florida cun orzamento base de licitación de 1.460.000 euros.

As obras supoñerán o cambio de beirarrúas, pasos de peóns, a incorporación de pavimentos, a renovación da rede de abastecemento e saneamento, a separación das augas pluviais e residuais e a renovación da iluminación e o mobiliario. O rexedor puxo en valor as humanizacións de Vigo como "as mellores do mundo".

Ademais, deuse luz verde ao expediente de contratación do servizo de mantemento integral das instalacións de calefacción e auga quente nos colexios públicos de Vigo cun orzamento de 130.000 euros nun período de dous anos. Caballero salientou os 3,7 millóns de euros que o seu goberno destina no presuposto de 2017 ao mantemento ordinario dos centros educativos vigueses para asumir o custo de limpeza, enerxía eléctrica e gas.

A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo á prórroga do plan de ocupación e explotación dos servizos da temporada 2017 en 11 praias de Vigo cos quioscos que ofrecen aos usuarios servizos de comida, bebida e a limpeza dos baños públicos que "imos vixiar especialmente este ano porque teñen como obriga ter en perfecto estado de funcionamento os aseos", puntualizou o alcalde.

Os quioscos estarán situados na praia da Punta na Guía, en Santa Baia, Alcabre, na praia do Praia do Tombo do Gato, no areal de Argazada, tres quioscos en Samil, dous na praia do Vao e un na da ETEA. Os quioscos estarán en funcionamento desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro.