Escoitar

Xuventude abre un segundo local de ensaio gratuíto para atende-la demanda de 60 grupos musicais

martes, 21 xan 2003
imx2238.jpg
Moon Cresta
A Concellería de Xuventude vai abrir un segundo local de ensaio gratuíto para os grupos musicais dos mozos da cidade. O local estará nas dependencias que tiña o Eixo Atlántico no Castro. Deste xeito, Xuventude ampliará o espacio do seu programa no parque vigués.

A apertura dun segundo local de ensaio é consecuencia da gran demanda que está a ter esta actividade da Concellería. Actualmente hai uns 60 grupos en lista de espera. Polo primeiro local, ubicado na Casa da Xuventude, pasaron xa 30 grupos, dos que 16 seguen ensaiando tódalas semanas, tres horas por semana.

O local da Casa da Xuventude está aberto mañá e tarde, mentres que o novo local do Castro abrirá tardes e fines de semana. As dependencias serán insonorizadas polo obradoiro de emprego Bidueiro, que está a facer distintas actuacións no Castro. O local contará co mesmo equipo có da Casa da Xuventude: unha batería, monitores, unha mesa e micros.

O local de ensaio de Xuventude está a facilitarlle o labor dos grupos musicais máis novos da cidade, que, ademais de poder contar cunhas instalacións e equipos para ensaiar, reciben información e apoio para poder dar concertos.
Descargar todas as imaxes